Chandrexa e Arnoia, pioneiros na rede de caixeiros do rural

20220315-abanca-cajero-chandrexa-hd-adba8c20
photo_camera Un dos novos caixeiros automáticos que dará servizo ao rural ourensán.

Trátase de garantir o acceso aos servizos financieiros nos municipios galegos máis pequenos

Os municipios de Chandrexa de Queixa e A Arnoia, na provincia de Ourense, forman parte do grupo de localidades -xunto a O Páramo (Lugo), Toques (A Coruña) e Lousame (A Coruña)- que veñen de estrear en Galicia novos caixeiros automáticos baixo o acordo asinado entre a entidade Abanca e a Xunta de Galicia para garantir aos habitantes do eido rural o acceso aos servizos financieiros e a súa inclusión neste senso. 

Así, segundo explicaron dende a corporación bancaria, as cinco infraestruturas -que xa están en funcionamento- facilitarán que os veciños e veciñas destas localidades poidan dispoñer de efectivo e realizar as xestións máis habituais sen ter que desprazarse a outro termo municipal, tal e como viña acontecendo ata hai pouco tempo. 

Na mañá deste martes, 15 de marzo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, achegáronse ata Chandrexa de Queixa xunto a outros responsables de Abanca como o director de Negocio Institucional Galicia, Asturias e León, Liño Comesaña; a directora de zona Ourense-Este, María José López, e o coordinador de Negocio Institucional en Ourense, Mateo Alonso. Alí comprobaron o bo funcionamento da nova instalación que, no caso concreto de Chandrexa de Queixa, dará servizo a un total de 500 persoas. 

Grazas a este acordo entre a administración autonómica e o banco galego, un total de 36 novos municipios de toda Galicia contarán con este dispositivo nos próximos meses, a meirande parte estará en Ourense. 

22 POBOS BENEFICIADOS

Por medio dunha serie de traballos, diferentes pobos do rural ourensán -un total de 22- contarán con caixeiro automático antes de que remate o vindeiro mes de maio: serán, concretamente, A Arnoia, Baltar, Os Blancos, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Lobeira, Melón, Oímbra, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Rairiz de Veiga, Taboadela, A Teixeira, A Peroxa, Vilar de Santos e San Xoán de Río. Os restantes repartiranse entre a provincia de A Coruña, con 11 instalacións, e Lugo, con tres. 

Por último, dende a corporación financieira traballan na ampliación da rede de caixeiros automáticos na comunidade e defenden que “a capilaridade da rede comercial de Abanca en Galicia sitúa a comunidade galega como a segunda comunidade autónoma con maior accesibilidade a servizos financeiros. Só un 12 por cento dos municipios carecen de oficina fronte ao 51 por cento que non dispoñen dela no resto de España”, aseguran dende Abanca.

Te puede interesar