“Charamusgas” levou a Coles aos anos 50

photo_camera Festividad tradicional en Coles
A verbena “Charamusgas” devolveu onte aos veciños de Coles aos anos 50. Puideron vestirse de época, gozar da música tradicional e recoñecer a figura das costureiras palilleiras.


Coles celebrou onte, no auditorio de Cambeo, a verbena “Charamusgas”, un evento festivo inspirado nas foliadas dos anos 50, onde a xente se reunía para cantar, tocar, bailar e comer. Nesta terceira edición, as protagonistas foron as costureiras, a diferencia das dúas anteriores edicións, onde a principal atracción foron as cociñas e os lares, identificados como un lugar de encontro e reunión na tradición galega.

Entre as actividades máis destacadas desta festa de época, salientou un obradoiro de baile orientado por un dos persoeiros con máis exposición dos últimos tempos da música tradicional galega, o celanovés Artur Puga, bailador e acompañante habitual das Tanxugueiras no seu espectáculo. A ambientación musical non parou en toda a xornada, coa actuación estelar da banda de música de Coles (Santádega), ademais dos pases dos grupos Par de Par, De pé feito, Airiños da freba e Coanhadeira, durante toda a xornada. Como fin de festa, durante a madrugada celebraron unha foliada aberta e participativa, onde moitos se animaron a bailar ao son da música tradicional.

Durante a xornada realizáronse sorteos, as artesás venderon os seus produtos e as palilleiras deleitaron aos visitantes cunha pequena demostración da súa arte da confección ao estilo tradicional, amosando fermosos encaixes. Ademais, como en calquera verbena que queira ser quen de chamarse así, non faltou a comida e a bebida, ofrecida polos restaurantes da zona a prezos populares pola ocasión. 

Te puede interesar