Chega a exposición dos 40 anos do Parlamento

PC150001Large.JPG_web

A exposición sobre os 40 anos de historia do berce dos parlamentarios galegos recala mañá en Ourense. “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021” é o título da exposición que se inaugurará o mércores na cidade para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade. A mostra, que xa permaneceu aberta ao público na sede da Cámara galega entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, foi comisariada por Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, quen contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas e Gustavo Hervella, integrantes do Grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia. Entre outros, é posible ver a “Proposta de Consello de Galiza de Castelao”, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa “Gallaecia Regnum”, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego. A mostra tamén incorpora obras como “O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios”, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas. A exposición, itinerante, estará aberta ao público en Ourense ata o 24 de abril na sala de exposicións de Afundación. A inauguración será o 23 de marzo ás 20,00 horas.

Te puede interesar