ENTREVISTA

Chus Pato: “Penso que os meus poemas teñen a forma da cidade de Ourense"

chus
photo_camera Chus Pato

O pleno da Real Academia Galega vén de facer membro numerario á poeta ourensana

O pleno da Real Academia Galega vén de facer membro numerario á poeta ourensana Chus Pato. Profesora nun insituto en Lalín, esta poeta di sentirse ourensana ao cen por cen.  Entre os motivos polos que a máxima institución da lingua galega déulle este cargo están os de ser un dos máximos expoñentes do verso galego e por sere unha voz "renovadora e rupturista cos modelos tradicionais". 

Ante tanta loubanza, que sentiu cando lle comunicaron a súa membresía?

Recibín a noticia por teléfono. Primeiro chamoume Margarita Ledo e logo Suso Alonso Montero. Estaba nunha reunión e tiven que interrumpila. Sentín confusión e moita vertixie ao principio. 

Non sentiu presión por pertencer ao organismo máis grande da lingua galega?

Si, sinto presión. Isto afonda máis no meu compromiso coa lingua galega. Este compromiso é moitas veces complicado dada a situación que vive a lingua e cultura galegas, porque parece que non podemos ser críticos e ir todos en consenso falando da precariedade e da caída da lingua e da cultura, entón parece que calquera tipo de disenso está prohibido. E, por outra banda, cando te comprometes cunha lingua te comprometes coa historia e cos falantes. A lingua galega non é unha triunfadora, digamos, enton os seus falantes teñen que loitar contra as adversidades xeración tras xeración, e iso pode resultar ás veces opresivo ou pode exercer certa presión persoal. 

Un informe da RAG di que, por primeira vez na historia, supérase en Galicia o número de castelanfalantes fronte ao de galegofalantes habituais. Cal é o seu punto de vista ao respecto?

É ben certo. Nunca tivemos un número de galegofalantes tan baixo coma o de agora. Perder falantes para unha lingua é unha tristura, porque a lingua é algo que crean os falantes. E con esa perda de falantes pérdese esa espontaneidade de falar e da creatividade da lingua. Pero a xente segue crecendo coa idea de que o galego non serve para nada, rachando a transmisión de pais a fillos.

Pero vostede é un exemplo de que escribir en galego non pecha portas.

Efectivamente, eu teño cinco libros traducidos ao inglés, e así é como un faise visible. Hoxe en día o mundo é anglosaxón non hispanofalante. É certo que co español chegas a América, pero tamén co galego podes chegar a Brasil. Non é común para os poetas galegos ser traducidos ao inglés, pero tampouco o é para os que escribren en lingua castelá. Lonxe de ser unha dificultade, o galego disparoume ao mundo. 

Hai expertos que din que a literatura galega hai que nivelala á mesma calidade que literaturas medias europeas coma a checa ou a polaca. Que hai de certo niso?

As literaturas barémanse pola calidade da oferta. A nivel de poesía, a literatura galega non se ten que igualar a unha literatura media, senón á máis alta. Non me meto a falar de narrativas porque non sei, pero na poesía si . O que pasa que, evidentemente, se non te coñece ninguén nadie barema a túa calidade. E aquí é onde entra o papel das institucións, de potenciar a creación en galego para non seguir sendo uns completos descoñecidos. Unha cousa é o esforzo individual para facer visible a nosa obra, e outra cousa é como dende as institucións potencian o colectivo. 


Pero en moitas administracións públicas a lingua galega é a vehicular, non é iso un xeito de potenciala?

A lingua galega aos políticos vailles ben. Pero por un lado non alentan a fala e por outro teñen esa fachada. É un barniz, a meirande parte dos políticos que falan galego no público, falas con eles dúas palabras e xa se pasan ao castelán. Iso non quita que haxa políticos, sobre todo do ámbito local e que veñan de familias galegofalantes, que empreguen o galego como lingua habitual dentro e fóra. 

Deixando de lado a lingua. Que hai de Ourense en Chus Pato?

Todo. Eu teño pensado moitas veces que os meus poemas, a miña poesía, ten a forma da cidade de Ourense. Hai pouco, paseando baixo a Ponte Romana, mirei ese arco apuntado marabilloso e pensaba que eu era nativa dese arco e, por ende, de Ourense.

Cando escribíu o seu primeiro poema?

Foi en Ourense (ri). Por aquel tempo estaba eu estudando primeiro de bacharelato nas Carmelitas, cunhas compañeiras coas que aínda sigo mantendo relación. Nunha clase de Xeografía, cando o profesor estaba recitando as comarcas de non sei que lugar de España, mirei pola ventá e víase a ábsida da catedral e un prado onde apareceu unha vaca, e eu fixen un poema no que falaba da vaca e da ábsida. 

Consérvao?

Lamentablemente non. 

Ourense inspirou a súa literatura? 

É curioso, o último que escribín é sobre o paso do tempo e a miña inspiración foi a través dun recordo de Ourense. Nunha xoiería, na rúa Santo Domingo, preto da miña casa, que tiña pendurado da fachada un enorme reloxo e a min chamábame moito a atención. Eu saía da miña casa e sempre parábame diante dese reloxo. Ese poema recolle ese reloxo, as horas e o paso do tempo pendurado dunha fachada.  

Podería dicirme algún libro o poema favorito seu?

Imposible, sería como escoller entre un fillo. Pensa que eu escribín dez libros. Pero se me teño que tirar á piscina, diría que é "m-Talá". Para min os libros anteriores a este son un camiño que eclosiona neste libro. Digamos que en "m-Talá" son eu ao maior nivel que podo dar. Non é que considere que sexa mellor ou peor ca otros libros, pero é o momento no que eu soltei todo tipo de amarras e me tirei sen rede ao vacío para dar todo de min. 


Que obxectivos se plantexa despois da súa incorporación á academia?

O primeiro que teño que facer é escribir o meu discurso de entrada e celebrar o meu acto de entrada. Tras iso, terei que enterarme de como funciona a institución, porque como ocorre con outras moitas, os mortales non sabemos como funciona. Teño que ler os estatutos, estudar a estrutura de goberno, ver as accións levadas a cabo... Unha vez aterrice, quérome centrar no eido da visibilización da poesía galega no mundo. É un pouco do que falabamos antes, quero que, a través da Real Academia Galega, se faga visible o xénero tanto no estado español coma no continente americano e se pode ser en Australia tamén. 

Onde vai ser ese acto de entrada?

En Ourense, por suposto.
 

Te puede interesar