ENTREVISTA

Cibrán Sierra: "Na música de cámara non hai que entender nada, é cuestión de deixarse seducir"

Cibrán Sierra
photo_camera Cibrán Sierra, na Praza Maior o pasado luns.

O músico Cibrán Sierra (Ourense, 1979) recoñece que durante estes días de vacacións deixará o violín "ben gardadiño" para descansar e esquecerse da rutina, aínda que non tardará moito en volver a collelo para que os músculos das mans non perdan a elasticidade

Coa súa agrupación, Cuarteto Quiroga, visita multitude de países, actividade que compaxina coa docencia e coa investigación. Recentemente, o cuarteto resultou gañador do Premio Nacional de Música 2018.

Case tres meses despois de recibir o galardón... que cambiou?

Creo que ningún premio cambia a túa vida. A implicación do galardón é máis o espaldarazo que supón para seguir adiante co teu traballo, e tamén o recoñecemento público de cara ao exterior. Nós seguimos ensaiando, seguimos dando concertos e investigando repertorios novidosos e de tradición, coma sempre. Iso si, despois de 15 anos xuntos, o premio anímanos a seguir por esta mesma liña.

O nome da agrupación non é casual.

O nome é unha homenaxe a un dos meirandes músicos europeos do primeiro terzo do século XX, que era Manuel Quiroga, galego. El era un violonista cunha carreira internacional extraordinaria, pero lamentablemente truncouse por un accidente co que perdeu a sensibilidade na súa man esquerda, en 1936 en Nova York.

Esquecéronse del despois diso?

Morreu bastante esquecido por todos, si. Tamén é que morreu antes da revolución das gravacións, claro. A nós pareceunos que era fundamental reivindicar a nosa memoria cultural, e reivindicala na súa persoa. Queriamos devolvelo as salas de concerto onde estivo, e estamos moi contentos de poder facelo.

Xunto con esta faceta interpretativa do seu cuarteto tamén está a docente.

Si, consideramos que é unha obriga ética e un signo de identidade do cuarteto. Nós formámonos cos mellores mestres no eido da música de cámara a nivel mundial e sentimos que é unha obriga devolver todo o que aprendimos ás novas xeracións. 

Que lle aporta aos máis novos?

A música de cámara é importante porque cultiva moitas facetas que outras especialidades musicais non o fan. A escoita mutua, o respeto, a colaboración absoluta, a investigación... é un tipo de música moito máis fértil. O cuarteto é un microcosmos da sociedade ilustrada.

Como se pode apreciar esa colaboración absoluta no seu cuarteto?

Un cuarteto é un grupo que naceu cos valores ilustrados -liberdade, igualdade, fraternidade- porque son catro instrumentos iguais. Noutros estilos, cada instrumento dicta unha serie de parámetros, pero o cuarteto é unha sociedade igualitaria: todos podemos facer todo. Os outros tres son o teu propio espello.

Despois de 15 anos, como vai o entendemento?

Co tempo vas construíndo unha serie de mecánicas: aprendes a escoitar aos demais, a respetalos, a convivir coa diferencia facendo que ese rasgo diferencial sexa vista como unha fonte de crecemento, de aprendizaxe. 

O xurado do premio describiunos como “singulares". 

Eu creo que radica en dous elementos. Na singularidade de ser un cuarteto de corda internacional nun espazo como o Estado español, onde non hai proxectos deste estilo. E tamén a nosa personalidade: temos moita implicación educativa, vontade de reinterpretar aos grandes músicos e tamén temos o compromiso de mover os marcos deste xénero.

Que lle pasa ao público coa música chamada clásica?

Non lles deixan acercarse a este tipo de música. As programacións culturais non se fan coa vontade de abranguer novos públicos, esquecen á xente nova. Ninguén ten medo de ir ao cine sen entender como se fan as escenas, pero moita xente cre que "ese tipo de música non é para min porque non o entendo". Non hai nada que entender, como todo fenómeno artístico, non precisa nada máis que a curiosidade e a vontade de deixarse seducir. 

Pódese cambiar esta imaxe?

O relato que se traslada dende a música, e que repiten os medios, é un relato que tira para atrás. É algo que precisa de moitísimo esforzo porque son moitos anos construindo un imaxinario cultural que arrincona a esta música a uns espazos concretos. 

Como se consegue que a xente nova se achegue a este tipo de música?

Cando facíamos os "Sen Batuta" aquí fai anos, máis de 300 ou 400 xóvenes viñeron aos concertos. Evidentemente, hai que facer unha política de programación adecuada. A xente é sensible, é curiosa. Pódese disfrutar desta música como das outras, pero hai que facer un esforzo por desmitificar o relato rancio.

Te puede interesar