ourense

O ciclo Camiños sonoros arranca a programación na provincia

O certame visita localizacións de interese patrimonial da Vía da Prata en localidades como Monterrei ou Verín

O ciclo musical "Camiños sonoros" arrancou a programación 2019 na provincia ourensá, cunha actuación no Pazo de Vilamarín, o pasado venres, e sábado e domingo, na Gudiña. O certame cultural, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación de Xuventudes Musicais Eixo Atlántico, propón 40 concertos gratuítos dirixidos ao público xeral. As citas emprázanse en localizacións de interese patrimonial na Vía da Prata como, entre outros, Castelo de Monterrei, Mosteiro de Carboeiro (A Coruña) ou o Mosteiro de Oseira. 

Os concertos corren a cargo de máis de 100 estudantes de conservatorios profesionais do Camiño da Prata, como os de Xinzo de Limia, Ourense, Lalín ou Santiago de Compostela, así como alumnos dos conservatorios superiores de Vigo e da Coruña. As actuacións inclúen un variado repertorio de diferentes estilos e, nalgúns casos, combínanse con breves explicacións dos intérpretes. 


Programación en Ourense


"Camiños sonoros" viaxará pola provincia ourensana, con múltiples paradas nos meses de maio, xuño e xullo. 

As datas máis próximas inclúen A Gudiña (hoxe, ás 11,30 horas na igrexa de San Pedro); A Mezquita (o venres 17 na igrexa de San Martiño, ás 20,45 horas); Verín (sábado 18 na igrexa da Mercé ás 20,45 horas e domingo 19 na praza da Mercé ás 13,30 horas); Monterrei (no Castelo, a partir das 20,00 horas do venres 31 de maio); Ourense (na praza de San Martiño, as 20,00 horas do venres 7 de xuño; ao día seguinte no mesmo lugar, ás 13,00 e ás 20,00 horas; o domingo 9 ás 13,00 horas, tamén na praza, e o venres 21 na igrexa de Santa Eufemia a partir das 20,30 horas) e Xunqueira de Ambía (sábado 21 e domingo 22 na Colexiata, ás 18,00 horas).

Te puede interesar