CONCURSO DE PINCHOS

Cogomelos e castañas, os protagonistas do 'Sabores de Ourense'

53 establecementos da cidade participarán na oitava edición dun certame que arrancará este venres

Comeza o 'Sabores de Ourense' de Outono, que celebra do 20 ao 29 de novembro a súa oitava edición con 53 establecementos participantesen toda a cidade. Este novo concurso, que comeza na noite do venres, presentará pinchos elaborados con cogomelos ou castañas, potenciando o consumo de materias primas locais e de tempada. O importe máximo dos pinchos será de 2,50 €, como en anos anteriores.

Organizada conxuntamente pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), participarán 53 establecementos, 3 máis dos que na edición de primavera e de outono de 2014. Aínda que a ampla maioría están concentrados na zona dos Viños, tamén hai participantes noutras zonas: o Centro, A Ponte, San Francisco e Mariñamansa, así coma nas instalacións termais.

Entre os premios oficiais do concurso, ademais dos 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o da prensa, recupérase o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola Asociación de Celíacos de Ourense, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración. Ademais das distincións honoríficas que se levarán os locais premiados e finalistas, o establecemento gañador do 1º premio do Xurado Profesional será o representante da cidade na vindeira edición do concurso autonómico De Tapas por Galicia, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia.

Para esta edición contarase coa presencia no Xurado profesional de Ángel Moretón, director do Concurso de Pinchos de Valladolid, un dos de maior sona de todo o estado, entre outros profesionais da cociña.

Premios para o público: votar ten premio

Pola súa banda, o público que deposite o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade. Pero non serán os únicos: Combinando o pincho cun viño da DO Ribeiro pódese gañar unha cata maridada para 10 persoas, podendo tamén o local levar premio, e a app “sabores de Ourense” permitirá votar nos operativos iOS e Android e gañar un teléfono móbil

Toda a información sobre locais e pinchos está dispoñible no enderezo web www.saboresdeourense.turismodeourense.com/outono2015

Te puede interesar