medio ambiente

Colectivos en defensa da auga limpa viaxan a Bruxelas co BNG

O evento, organizado polo grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, abordará, en primeiro lugar, o dereito á auga desde unha perspectiva europea

Colectivos ecoloxistas da provincia de Ourense participarán este xoves en Bruxelas nunha xornada que se desenvolverá no Parlamento europeo e que tratará sobre "o acceso á auga como dereito: aplicación da normativa europea e execución dos fondos". 

Este evento, que organiza o grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, no que se atopa a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, abordará, en primeiro lugar, o dereito á auga desde unha perspectiva europea. Neste caso, participarán representantes de institucións da Unión.

A sesión continuará co tratamento sobre os principais problemas de saneamento que existe en Galicia. Por unha banda, abordarase a situación dos ríos, con Xosé Santos, da Plataforma Ríos Limpos; Antonio Monteiro, da Plataforma Auga Limpa Xa!, que agrupa a veciños daLimia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei, ou María Carmen García, da plataforma Salvemos o Támega. Estarán acompañados por Antonio Malvar, da Plataforma Defensa do río Verdugo, e serán moderados por Luís Seara, candidato do BNG na cidade.

Posteriormente, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, participa nunha mesa sobre problemas e retos de saneamento no eido urbano. 

Neste senso, este martes a plataforma Auga Limpa xa! volveu mostrar o seu descontento pola existencia de "parcelas de sacrificio", en concreto a de Maus de Salas, na Baixa Limia, e pediu á Administración que tome as "medidas oportunas" ante a actual situación de "descontrol". A plataforma tamén amosou o seu rexeitamento "ás supostas multas arbitrarias a agricultores da Limia por almacenar esterco nas súas parcela".

Te puede interesar