ARTE ET ALIA

Columnas e piares

As obras de Mar Ramón nos piares.
photo_camera As obras de Mar Ramón nos piares.
A emerxente artista Mar Ramón reafírmase  tamén cos tons de cor, uns rosas e outros máis fríos, en "Esa mujer" 
e "Discordes"

As “Incompatibles” de María del Mar Ramón Soriano (n.1993) son tres pezas cerámicas de diferentes alturas e aspecto cilíndrico, columnario, dúas delas sen boca, que agrupa con cintas de esparadrapo. Eis a obra coa que esta artista ourensá acadou o segundo premio do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense 2019 convocado a primavera pasada para artistas entre 18 e 30 anos, en exhibición na sala 2 do centro cultural. Nada en Valencia, vive entre nós dende moi pequena, e logo de estudar na cidade pasou á facultade de Belas Artes. en Pontevedra, onde está a concluír o doutoramento. A influenza da súa nai, oleira en Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), ten resultado decisiva, malia que esta escultora ceramista nos teña amosado tamén fotografías nas súas primeiras exposicións na sala cero do Marcos Valcárcel e na Fundación Granell, Compostela, ámbalas en 2018. Nelas expresa unha lectura de xénero, co baleirado escultórico das súas cadeiras, ou principalmente con “Esa mujer”, expresión coa que se referiu Bill Clinton a Mónica Lewinsky no seu affaire. Así se reafirma agora tamén cos tons de cor, uns rosas e outros máis fríos, naquela obra citada e mais en “Discordes”, outra das obras da exposición da emerxente artista de 26 anos. Algo maior é David Rodríguez Casas, “Catá”, (n.1988), primeiro premio logo dunha longa deliberación do xurado desta decimo quinta edición do mencionado certame. En 2016, con 28 anos, fixo unha gran pintura na capela maior de san Cibrao e co gallo da inauguración estreou dúas pezas musicais, pois é ademais músico e fotógrafo, artes coas que fixo a obra premiada, “Horizonte 07. Piano”, unha foto e un vídeo xa coñecido por telo colgado o autor na net en xaneiro de 2018: coséndose na palma da man un teclado de piano, autolesión de crueldade coa música de "Sete pétalos de rosa". Unha obsesión esta a das mans e a pel que, coa costura, virá da súa nai. O terceiro premio foi un vídeo de Fidalgo Omil, “Los dinosaurios nunca se extinguieron”. Ao redor deles outros concursantes. E se as pezas de Ramón Soriano son certamente columnarias, para columna a de Sabucedo, en Cartelle.


A Virxe do Pilar de Sabucedo de Montes


Nos días en que sae esta columna de arte, conmemorase a advocación mariana cristiá que dende Zaragoza en 1462, e logo no Reino de Aragón en 1678, tense ido espallando pola xeografía hispana até converterse en festa nacional: o Pilar. Unha das máis sobranceiras da provincia é o conxunto que preside o retablo da igrexa parroquial de Sabucedo. Feito por Maximino Magariños en Santiago, foi colocado en 1915 para a festa da Virxe, encargado e pagado por José Casas, irmau do presbítero Juan Bautista, que fixo a igrexa. A iconografía é a clásica, coa figura feminina co neno de pé sobre a columna, chamado piar simbolicamente, e cabe deles Santiago o maior, sen faltar o anxo que lle indica ao fillo do Zebedeo a aparición cando estaba orando. Mais esta escena está mellorada coa presenza da Trinidade, que a converten así nunha extraordinaria composición.

Te puede interesar