O comité de Termatalia perfila un congreso internacional en setembro

Manuel Baltar, na videoconferencia de Termatalia - 240720
photo_camera Manuel Baltar preside por videoconferencia a reunión do comité.

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu por videoconferencia a reunión do comité asesor de Termatalia, na que participaron diferentes representantes de entidades públicas e privadas, así como do ámbito académico e científico.

Na reunión perfilouse o programa do congreso que se celebrará nas datas nas que estaba prevista que se desenvolvera a feira en Entre Ríos (Arxentina), e que debido á pandemia non pode ter lugar. Neste sentido, desde Ourense celebrarase o congreso internacional de termalismo, que terá formato mixto, presencial e por videoconferencia.

“A auga é vida e a auga termal é saúde, porque a xente o que busca é precisamente iso: saúde, seguridade e benestar”, afirmou Manuel Baltar. O presidente do goberno provincial considera que dentro da estratexia turística “a cuestión termal ten o liderado, dando resposta ás inquedanzas dos visitantes,que o que buscan é saúde, e nunha provincia como a de Ourense temos un verdadeiro motor como é o termalismo. Grazas a eventos como Termatalia. damos pasos importantes cada ano”.

Na reunión, Baltar tamén comentou aspectos tratados na pasada asemblea da European Historic Thermal Town Association: “Estamos a preparar un pack turístico termal europeo as 19 nacións que integramos esta rede, porque tamén vemos nesta etapa poscovid unha oportunidade para o termalismo. E Ourense conta co maior potencial termal de Europa”, destacou Baltar.

Te puede interesar