O Concello de Amoeiro reforza o programa
de conciliación escolar

<p></p>
photo_camera As instalación do CEIP Otero Pedrayo de Amoeiro.

O obxectivo do goberno é que os nenos non marchen a colexios da cidade 

O Concello de Amoeiro poñerá en marcha un ano máis un programa de conciliación, con obxectivo de mellorar os resultados acadados en anos anteriores, aproveitando o impulso do campamento de verán que está en marcha nestes momentos. "Temos 45 rapaces e outros 10 en cola de espera", resalta o alcalde do municipio, Rafa Villarino, quen confía en que os pais se animen a continuar durante o ano.

A partir de setembro, cando se inicia o novo curso escolar, ofrecerase un servizo de acollida temperá, para poder atender ata as 10,00 horas –hora de inicio das clases– aos alumnos. "Queremos evitar que moitos pais leven aos fillos aos colexios da cidade debido a que non poidan esperar", indica Villarino. Este servizo ofrecerá xogos e actividades varias ata a hora de iniciar as clases.

Xa pola tarde, o Concello ofrecerá servizos de apoio escolar e ludoteca, para nenos e nenas de Educación Primaria. Haberá sesións de reforzo escolar entre as 16,30 e as 19,30 horas, con clases particulares. Para participar nestas actividades, é preciso realizar as inscricións antes do mes de setembro.

Este programa leva varios anos en marcha, aínda que Villarino recoñece que non tivo "moito éxito", polo que intentará reverter a situación aproveitando a boa acollida que tivo o campamento de verán.

O rexedor amoeirés destaca que "non se están perdendo prazas" no colexio, pero ante unhas perspectivas globais de máis defuncións que nacementos, intentan ofrecer "alternativas" para asegurar o seu futuro. 

Te puede interesar