Tres empresas optan a adxudicación das luces de Nadal de Ourense

photo_camera Encendido de Nadal en Ourense.
O orzamento ascende a máis de 350.000 euros

A contratación da iluminación de Nadal, cun orzamento de máis de 350.000 euros, e o mantemento de infraestruturas viarias da cidade, por importe de 3,3 millóns para os vindeiros dous anos, deron un paso adiante esta mañá coa celebración da xuntanza da mesa de contratación do Concello, na que participou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

No caso da iluminación de Nadal, son 3 as empresas que optan á adxudicación do contrato, que inclúe a instalación, posta en funcionamento, o mantemento e a retirada da iluminación artística. Na sesión desta mañá, celebrada no salón de plenos, realizouse a apertura da documentación administrativa e da memoria técnica presentadas polas empresas que optan á adxudicación.

O Concello de Ourense aposta este ano por reforzar a dotación económica para esta iluminación, duplicando o seu importe co obxectivo de embelecer a cidade durante as festas e chegar a máis rúas e barrios, cun maior número de elementos decorativos e unha mellor estética.

No caso do servizo de obras de conservación e mantemento da infraestrutura viaria da cidade, a mesa de contratación realizou a apertura do sobre que contén a documentación administrativa das 18 empresas que optan á adxudicación. O contrato ten un valor estimado de 3.302.479,32 euros por dous anos, con dous lotes: un de áreas peonís, e outro de pavimentación de vías e actuacións complementarias. Inclúe a prestación dos servizos de obras de conservación e de mantemento das infraestruturas viarias, do sector urbano no termo municipal, con exclusión de parques, xardíns e zonas verdes.

O Concello non dispón na actualidade de ningún contrato de conservación e de mantemento de vías.

Te puede interesar