CURSILLOS

O Concello de Ourense imparte cursos de manipulación e de alérxenos

Para anotarse só é preciso presentar, por rexistro, o volante do padrón. Ambos cursos son gratuítos e serán impartidos nas instalacións municipais de Vasco da Ponte 1

Para loitar contra o sobrepeso e a obesidade infantil, presentes no 42% e do 23% da poboación galega, a Concellería de Sanidade desenvolve o Programa Municipal de Boas Prácticas Alimentarias e Prevención Activa da Obesidade.

Este programa ofrece recomendacións e apoio á cidadanía para facer que os seus estilos de vida sexan máis saudables, e fomentando a dieta saudable e a actividade física regular aos colectivos máis vulnerables. Así, o departamento de Sanidade oferta agora dous novos cursos: o de Manipulación de alimentos, o vindeiro martes 21, e o de Alérxenos alimentarios, que se celebrará o martes 7 de marzo.

Senllos cursos están dirixidos a profesionais da hostalaría, profesionais da saúde e xestores de comedores colectivos, así como a todos aqueles interesados na promoción das boas prácticas alimentarias. Deben estar empadroados no Concello de Ourense e para inscribirse, de balde, deben presentar no Rexistro Xeral do Concello a súa instancia de procedementos xerais solicitando o curso, o horario mañá ou horario tarde, así coma o c certificado de empadroamento.

Os cursos terán lugar no Centro Municipal de Promoción da Saúde, na rúa Vasco da Ponte, nº1. Todos podemos contribuír á inocuidade dos alimentos. O acceso a alimentos inocuos e nutritivos é fundamental para manter a vida e fomentar a saúde. Por iso, os alimentos insalubres que conteñen bacterias, virus, parásitos ou substancias químicas nocivas causan máis de 200 tipos de enfermidades, dende unha simple diarrea ata un cancro. É por iso que o departamento de Sofía Godoy anima a informarse sobre a cadea alimenticiaque vai dende a produción ata o consumo. “Todos os participantes na cadea de subministro debemos tomar medidas para manter a inocuidade dos alimentos, dende o produtor ata o consumidor, pasando polo procesador e o vendedor”, aseguran no departamento de Sanidade.

Unha boa parte das enfermidades transmitidas polos alimentos son causadas por alimentos que foron preparados ou manipulados de forma incorrecta no fogar, en establecementos que serven comida ou nos mercados. Estímase que cada ano 1 de cada 10 habitantes enferman por consumir alimentos contaminados, os nenos e nenas menores de 5 anos soportan un 40% da carga atribuíble as enfermidades de transmisión alimentaria .

A manipulación de alimentos no fogar é imprescindible para previr brotes de enfermidade. Tamén a escola é un lugar privilexiado para a inocuidade dos alimentos. A educación dos xestores dos comedores sobre a manipulación inocua dos alimentos é fundamental para previr as enfermidades de transmisión alimentaria na actualidade. A inclusión de clases sobre a inocuidade dos alimentos nos programas escolares dota os máis pequenos de coñecementos esenciais para o bo estado da saúde.

Te puede interesar