Tres concellos únense para sanear o regato dos Muíños

Pedro Fernández, Victoria Morenza, X. Carlos Valcárcel e José Manuel Garrido.
photo_camera Pedro Fernández, Victoria Morenza, X. Carlos Valcárcel e José Manuel Garrido.

Os concellos de San Cibrao, A Merca e Barbadás veñen de asinar un convenio para elaborar un proxecto de mellora medioambiental do río de Barbadás, de Pontón ou dos Muíños (tamén coñecido como río Barbañica), xa que ao longo do cauce existe unha rede de saneamento que é preciso adecuar ás novas demandas tanto poboacionais como medioambientais. 

O obxectivo dos concellos asinantes é a realización de melloras medioambientais, como paseos fluviais, para a posta en valor de dito cauce fluvial. De cara ao estudo do posible cofinanciamento do proxecto de recuperación, a través de futuras axudas a outros organismos, é precisa a redacción dunha memoria técnica das características e orzamento que os referidos concellos pretenden realizar de maneira conxunta con este convenio.

Valoración dos alcaldes

O alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández, expliou que esta iniciativa “é fundamental” e que “trataremos de identificar onde é preciso levar a cabo actuacións que redunden na calidade das augas do cauce principal e dos seus ramais, así como na habilitación de itinerarios peonís no entorno natural”.

 Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, indicou que este proxecto entronca coa “absoluta prioridade do Concello para arranxar e adecentar todo ese entorno”, mentres que José Manuel Garrido, alcalde de A Merca, sinalou que “será un documento moi útil para definir cales son as debilidades e fortalezas do cauce”. 

Te puede interesar