Cultura

Confidencias de Otero Pedrayo a Carvalho Calero

undefined
A Real Academia Galega publica nun volume inédito máis dun cento de cartas que "dous grandes da cultura galega" se enviaron entre 1949 e 1974. A xeración Nós está presente nelas

O 25 de xuño de 1949, Ricardo Carlvalho Calero confiáballe a Ramón Otero Pedrayo que había tempo que non escribía: "A penuria e inseguridade da miña vida económica, cada intre máis urxentes, obríganme a me abster de todo traballo que non poida trocar en diñeiro". É das primeiras cartas que os dous intelectuais comezaron a enviarse, cando o ferrolán saíra da cadea e subsistía como profesor. A Real Academia Galega reúne agora, nun volume inédito, 167 misivas escritas entre 1949 e 1974. "Un diálogo entre dous grandes da cultura galega", din os académicos. 

"Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo" é o título do libro, que engade por primeira vez as cartas que  recibiu o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 de parte de Otero Pedrayo.

Compromiso

As misivas que o ferrolán enviou ao ourensán custodiábanse na Fundación Penzol. "O epistolario permite afondar na relación que retomaron trala Guerra Civil, mais ofrece tamén información de primeira man para coñecer a intrahistoria da cultura de Galicia e de institucións como a Universidade de Santiago", din desde a academia. Os textos están editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. O académico Henrique Monteaguado coordina o estudo. "As cartas falan alto e claro da entrega e compromiso destes dous intelectuais naqueles difíciles anos de renacer cultural", sinalan Chachero e Estévez.

O académico Xesús Alonso Montero participou na presentación do epistolario, onte no Parlamento de Galicia. "Emociona este 'nós', con música de Preguerra e non alleo ó Nós da revista Nós. Estamos ante unhas palabras non exentas de contido político galeguista", dixo. No acto tamén se fixo referencia a xeración Nós e a revista centenaria que imprimiu os seus primeiros números en La Región.

Nunha das cartas, o intelectual ourensán laiase do estado de saúde de Castelao: "Teño unha fonda pena. Váisenos o símbolo, o consolo do noso vivir e mocidade".

O presidente do Parlamento galego, o ourensán Miguel Santalices, destacou aos dous autores como "pais e precursores da Galicia autonómica de hoxe". Aplaudiu o volume como "unha excelente radiografía que tenta evocar con tenrura un tempo, unha xente e unha relación leal, pero sempre cerimoniosa".  Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, salientou a "intrahistoria" das misivas. 

Te puede interesar