Economía

Constitúese en San Cibrao o Clúster da Biomasa de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou onte no acto de constitución do Clúster da Biomasa de Galicia, que se celebrou no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas. 

Durante a súa intervención, aplaudiu esta decisión da industria forestal, ao tratarse dunha das enerxías alternativas con máis presente e futuro, e ratificou o compromiso da Xunta con este sector, xa que se renovará a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa durante o período 2021-2025. Conde subliñou que o futuro pasa por integrar as novas tecnoloxías, explorar novos usos da madeira e conseguir un maior aproveitamento dos recursos forestais para convertelos nunha fonte de enerxía renovable, como a biomasa. Tamén lembrou os apoios da Administración autonómica para fomentar o uso de biomasa tanto por parte de particulares como nas entidades do sector público e nas empresas. Así, a Estratexia integral de impulso á biomasa favoreceu a instalación de 7.000 caldeiras entre 2014 e 2020 (cunha mobilización de 80 millóns de euros), actuacións en 72 edificios públicos e a creación de 700 empregos. 

Conde celebrou a constitución deste novo clúster –integrado inicialmente por 30 empresas– , que permitirá establecer unha comunidade de coñecemento ao redor desta industria, cando o 6,4% da enerxía primaria consumida en Galicia ten a súa orixe na biomasa. Isto a sitúa como primeira fonte autóctona, xerando 3.500 empregos directos. 

Te puede interesar