INCENDIO FORESTAL

Controlados durante a noite os lumes de Chandrexa e Castro Caldelas

Tras reactivarse a causa do vento na parroquia de Queixa, conseguiuse controlar este incendio ás 23.33 horas de onte

O lume rexistrado en Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, que comezou o martes ás 19,34 h., deuse por controlado ás 23,33 h. de onte. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 369 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 8 axentes, 25 brigadas, 6 motobombas, 4 pas, 11 helicópteros e 6 avións.

Controlado ás 02,37 h. desta madrugada o lume rexistrado no municipio ourensán de Castro Caldelas, parroquia do Burgo, que comezaba o martes ás 18,27 h. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 265 hectáreas. Nas tarefas de extinción traballan 1 técnico, 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Continúa controlado desde as 12,30 h. de onte o lume que comezaba ás 17,41 h. do martes no concello ourensán de Monterrei, parroquia de Infesta. Segundo últimas estimacións, afecta unha superficie de 384,06 hectáreas, das cales 327,07 son de raso e o resto de arborado. Na súa extinción levan traballado 24 axentes, 49 brigadas, 27 motobombas, 3 pas, 12 helicópteros e 4 avións.

Te puede interesar