ENTREVISTA

Os coordinadores da ICC Week: "Tendo sempre o mesmo presuposto, cada ano facemos algo máis grande"

mtp2425ss
photo_camera Manuel Araújo e Juan Rivas, coordinadores da ICC Week.

Juan Rivas e Manuel Araújo son os coordinadores da ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas, que se celebra en Ourense entre o 2 e o 6 de maio

A ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas, celebra entre os días 2 e 6 de maio a súa cuarta edición. Juan Rivas e Manuel Araújo son os coordinadores desta iniciativa, financiada pola Deputación e que pretende poñer en valor a marca Ourense coa achega dos máximos referentes no panorama da creatividade.

Este mércores comeza en Ourense a ICC Week 2018. Unha proposta que se consolida. Tamén medra?

Juan Rivas: A sensación que temos é que estamos ante un proxecto que aumenta o seu impacto. Cada ano temos máis confianza elaborando a programación e faise máis sinxelo trasladar o que é a ICC Week.

Manuel Araújo: É unha proposta que está consolidada e que antes de dar comezo xa está tendo éxito. As entradas para ICC Gamers están esgotadas, pero non só iso, pois concentrar a densidade de disciplinas que engloban as industrias culturais e creativas é tamén un triunfo, e este ano volvemos conseguilo.

As industrias culturais representan un abano moi amplo de disciplinas. Que novidades se vai atopar o público este ano?

M.A: A ICC Gamers é sen dúbida unha das apostas da organización desta edición. Os videoxogos, e toda a súa industria, son o futuro e teñen unha gran repercusión e profesionalización neste sector, que vai en aumento.

J.R: É un sector das industrias creativas que abrangue todo un proceso de produción, desde a orixe, que sería o deseño dun videoxogo, ata os propios xogadores e os eventos que os xuntan. Nós puxemos a semente para que ICC Gamers sexa un gran evento e non temos dúbida de que nos vai dar moitas alegrías. Xa é unha das citas de gamers máis potentes do noroeste de España.

As novas xeracións empregan as redes sociais para facerse ver. Son estas un novo modelo de negocio?

J.R: Son o futuro. Os milenials fannos ver a nós, os creativos, de que xeito interpretan eles as industrias culturais a través das redes sociais. Fai cinco anos era inimaxinable que ser youtuber puidese ser un oficio, e hoxe é así. Nós queremos atender ás ferramentas que usan estes emprendedores para facer dun pasatempo o seu oficio e, ao mesmo tempo, crear unha industria cultural. A creatividade está fluíndo e están xurdindo novos contidos.

A ICC Week aposta polo novidoso, pero tamén hai un foco posto nos anos oitenta. Foi unha década referente na cultura?

J.R: Non se trata dunha homenaxe. O noso leitmotiv é a creatividade e aspiramos a ter sempre aos mellores. Este ano outra das bazas importantes é o deseño gráfico, e os grandes referentes neste eido comezaron a cultivar a súa carreira na década dos oitenta. Estarán Javier Mariscal, o número un neste eido, Ouka Leele, deseñadora e premio nacional de fotografía e Paco Clavel e Juan Sánchez, que expoñen unha colección de vinilos que se remiten a esa década, chamada "Arte en portada", pero onde tamén hai perfiles desde Cora Novoa a RUBENIMICHI. O foco máis grande está nos oitenta porque foi cando moitos deseñadores se prestaron ao mundo da música, pero non se pode limitar esta década.

M.A: Os autores de "Arte en portada" ineludiblemente teñen que facer un aceno á súa xeración. Pero nas mesas "Mundos deseñados" tamén estarán figuras emerxentes, como a ourensá María Grande, formada na Escola Antonio Faílde. Polo tanto, non estabamos contemplando facer unha homenaxe aos oitenta.

A ICC Music engloba a artistas consolidados e emerxentes. Conséguese así satisfacer os intereses de todos os targets?

J.R: Por suposto. Toda a ICC Week é transversal desde o momento no que se atenden moitas industrias creativas, pero tamén é interxeneracional, para coidar todas as tendencias. Os grupos emerxentes máis importantes da escena independente española son Morgan e Rufus T. Firefly, enchendo teatros e presentes nos mellores festivais de España. Os dous estarán aquí.

M.A: É un concepto moi ecléctico. Imos desde o target máis xuvenil, coa ICC Gamers, ata un público de 50 ou 60 anos, que é o que atrae a figura de Mikel Erentxun, un artista xa consolidado. 

Este proxecto é unha ferramenta que a Deputación ten para vender a marca Ourense. En que se traduce?

J.R: A ICC Week ofrécelle aos ourensáns a oportunidade de aproveitar que certos personaxes influíntes veñen á cidade, para facer contactos. Se, imaxínate, que ti es da organización da Feira do Viño do Ribeiro, podes aproveitar a ocasión e contactar con Mariscal para que deseñe o próximo cartel promocional. Os artistas musicais de Ourense poden achegarse a"Artistas en ruta", un circuíto da Asociación de Intérpretes e Executantes, e enterarse que hai que facer para formar parte desta sociedade, que dereitos protexe ou como se poderían beneficiar.

Que supón a figura de Yosi no marco da creatividade?

J.R: Yosi probablemente sexa o compositor máis importante de Ourense, e no xénero rock, está no top 5 dos artistas deste país. Nós propuxémoslle a SGAE ter un detalle con el e aceptaron darlle o galardón Musa SGAE. Esta sociedade é o ente de referencia dos autores a nivel nacional, e con este premio ponse en valor a labor artística de Yosi e tamén se expón a marca Ourense a nivel estatal.

Como se consegue que Ourense vaia á ICC Week?

J.R: É un proceso. De feito, non ten nada que ver este ano coa primeira edición, porque vimos como pouco a pouco a cidade se vai acostumando a este proxecto. Nós en catro anos dimos pasos de xigante, a idea foi asentándose e mantela e tan importante como lograr que medre. Ademais, é de valorar que co mesmo presuposto desde o comezo, fagamos algo máis grande.

Te puede interesar