entrevista

Bieito Romero: "Crear o disco na propia Ribeira Sacra permitiunos empaparnos da súa realidade"

ourense-archive-2017-10-18-1op1111_result
photo_camera Bieito Romero.

A paisaxe, os mosteiros, as lendas e mesmo o cheiro da Ribeira Sacra impregnan o último traballo de Luar na Lubre, que o grupo folclórico galego presenta este sábado e domingo no Teatro Principal da cidade. Bieito Romero é un dos membros fundadores, ademais do actual gaiteiro. 

A paisaxe, os mosteiros, as lendas e mesmo o cheiro da Ribeira Sacra impregnan o último traballo de Luar na Lubre, que o grupo folclórico galego presenta este sábado e domingo no Teatro Principal da cidade. Bieito Romero é un dos membros fundadores, ademais do actual gaiteiro. 

A que sona a vosa “Ribeira Sacra"?

Este disco componse de 26 cortes en total. Deles, 15 son temas inspirados na zona, realizados por nós, mentres que o resto son gravacións de sons exteriores, directamente recollidos do ambiente. 

Daquela, que escoitará o público?

Poderá escoitar o son do amencer de San Pedro de Rocas ou o movemento das chocas dos felos de Maceda, seguido das cantigas relixiosas de Alfonso X ou de cancións da tradición do Entroido. Pretendemos misturar o real e o palpable coa nosa capacidade creativa. 

Para realizar este disco estiveron varios días na Ribeira Sacra, que lles aportou a experiencia?

Empapounos da realidade do lugar. Estivemos varios días no Mosteiro de San Pedro de Rocas, que para min é un sitio moi especial, xa que está enterrada parte da miña familia. Para os que non coñecían a zona foi tamén moi importante, xa que puidemos palpar a natureza e mesmo ensaiar dentro do mosteiro. Aí naceu o embrión deste disco. 

Ademais dos lugares, tamén homenaxeades o patrimonio cultural ourensán.

Queríamos que o disco pivotase sobre diferentes pilares, como o concepto relixioso, a natureza ou a tradición cultural do luar. De aí que aparezan lendas e oficios tradicionais como o lobishome de Romasanta ou os alfareiros e afiadores. Destes últimos rescatamos a súa xerga, o barallete, que está case en desuso e, polo tanto, en perigo de extinción. É unha lingua que conta con máis de 2.000 vocablos e é das máis ricas de toda Europa. 

Neste traballo de recollida contaron con colaboración nativa...

Non podía faltar. No disco participan Félix e Cástor Castro, grandes investigadores e músicos que nos axudaron na composición da letra da canción do lobishome. Ademais, A Coral de Ruada, cos que estamos totalmente irmandados, colabora en catro temas. A verdade é que con eles xa levamos unha longa tradición de traballar xuntos nos últimos anos. 

Eles estarán no Principal, pero contades con máis colaboración no escenario. Non?

Todos os que participan no disco estarán con nós en Ourense, acompañándonos na presentación oficial. Contamos coa presenza de Víctor Manuel, Brais Maceiras, Nani García, Sés ou Juan A. Antepazo do grupo Astarot,entre moitos outros.

Haberá sorpresas na presentación?

Haberá, pero só podemos adiantar, polo momento, que se proxectará o noso primeiro videoclip de "Ribeira Sacra" nos concertos desta fin de semana. E que buscaremos interactuar moito co público que esté no teatro.

E quedará oco para algún dos vosos temas destes 30 anos de traxectoria?

Claro, hai cancións que forman parte da nosa personalidade e forma de facer, como “Tu gitana”, “Chove en Santiago” ou “O son do ar”. Iso non pode faltar, haberá oco para todo!

Te puede interesar