Diarios do pasado

Cristiáns nas lexións de Roma

Lexionarios romanos na Columna de Traxano.
photo_camera Lexionarios romanos na Columna de Traxano.

Comezamos lembrando que a sociedade romana era moi aberta nas cuestións relixiosas. O que caracterizaría ao exército, era unha maior incidencia de cultos a deuses guerreiros e aos que proviñan do contacto con culturas diferente. Pero existía unha cuestión importante: o culto ao emperador e a Xúpiter, que protexía a césares e soldados, establecéndose así un vínculo entre ambos e de lealdade dos militares cara ao emperador. Eses valores ritualizábanse co sacrificio, cerimonia que tamén estruturaba e cohesionaba a sociedade romana, de onde maioritariamente procedía a milicia. Así, o sacrificio transcende o feito relixioso, constituíndo un engrenaxe esencial para o bo funcionamento da sociedade e das cidades. O caso é que todas as lexións, como outras unidades militares, contaban cun exemplar do “Feriale Duranum”, unha especie de calendario festivo fixado dende o poder, cunha serie de festexos cos seus respectivos sacrificios, evidentemente todos de carácter pagán. Tales eventos, en canto elementos de cohesión e fidelidade, eran de obrigatorio cumprimento para os militares, independentemente da confesión relixiosa de cada un e que, como insistentemente recordamos, era plural. Doutra parte, as evidencias arqueolóxicas mostran a existencia de cristiáns nos exércitos romanos desde o século II, antes da liberdade de culto de Constantino, cun especial incremento ao longo do século III. Os datos proceden fundamentalmente de inscricións e de restos construtivos, aínda que algúns -como o caso da igrexa de “Dura Europos”-, supoñan un caso illado. Outra evidencia son as fontes literarias. En todo caso, en occidente a progresión do cristianismo parece ser máis lenta, coa excepción de África. 

A presencia na milicia respondía a dúas situacións distintas: os militares convertidos ao cristianismo e os cristiáns que ingresan nela. Diante diso, é importante coñecer a opinión da Igrexa ao respecto, especialmente para comprender a segunda situación. Desde os inicios, os autores cristiáns manifestan opinións divididas diante da compatibilidade das prácticas cristiás e a milicia. Algúns teóricos -Orígenes, Hipólito, Tertuliano ou Máximo de Turín- manifestan que polas propias funcións dos soldados, alistarse sería unha traizón a Cristo, máis se lle engadimos a obriga de participar dos sacrificios pagáns. Pero a opinión xeral da Igrexa ao respecto, era máis tolerante. Durante o século III, seguía dividida, mentres que nos inicios do século IV, percíbese unha aceptación progresiva da guerra xustificada. Os cristiáns coñecían as rigorosas penas por desobediencia no exército que, polo que antes diciamos, se aplicaban para castigar ás desobediencias militares. Algúns textos históricos narran a extrema crueldade dalgúns mandos romanos cos seus propios soldados. Un exemplo claro é o que ofrece o investigador J. L. Cañizar. Baseándose na Historia Augusta narra o comportamento de Avidio Casio, da segunda metade do século II, o primeiro xeneral que crucificou a soldados romanos culpables de exercer violencia contra os habitantes das provincias, ou que ordenou amputar mans e pernas a moitos desertores.

Pero cristiáns ou non, esa non era a cuestión dos castigos, se non que, refusasen ao cumprimento dos ritos pagáns, que exixía o bo funcionamento dunha sociedade da que a milicia formaba parte esencial para o sostemento do imperio. Todo o anterior non resta valor á acción dos mártires-soldado, cuxo número, sen embargo, foi magnificado polos autores cristiáns, nin se pode atribuír ao anticristianismo a causa da morte de soldados crentes daqueles procesos disciplinarios castrenses.

Te puede interesar