Reportaxe

O cruce dos perigos en Ouriz

Veciños de Ouriz, en Melias, no perigoso cruce polo que piden a súa mellora a Fomento. (Foto: Xesús Fariñas)
photo_camera Veciños de Ouriz, en Melias, no perigoso cruce polo que piden a súa mellora a Fomento. (Foto: Xesús Fariñas)
Os veciños de Melias, en Pereiro de Aguiar, din basta ante o perigoso cruce para incorporarse á N-120A, onde a falta de visibilidade dificulta esta maniobra aos conductores dunha poboación de avanzada idade

Os veciños de Melias, en Pereiro de Aguiar, xa están fartos de que o Ministerio de Fomento non actúe na N-120A, que transcurre por esta poboación, ante un cruce sen visibilidade que empregan os habitantes de Ouriz para incorporarse a dita estada. "O ano pasado, tanto nós como a xente de Vilariño, reclamamos polo seu arranxo e limpeza. A resposta foi que non hai cartos polo seu pouco tráfico", conta Alberto Rivero, presidente da Asociación de Veciños de Santa María de Melias.

O problema para estes usuarios da estrada xa non é só o estado do asfalto nin as marxes cheas de maleza. Tamén son un problema algúns cruces como o de Ouriz, que supoñen un perigo pola falta de visibilidade ante os coches que veñen desde Ourense. "Cada pouco hai  accidentes e moitos sustos porque quen máis emprega esta estrada son os veciños do pobo, que ten unha media de idade por enriba dos 65 anos", sinala Rivero. 

A Fomento pedíronlle só que derribase a esquina de pedra que impide a visión á esquerda ou a limpeza forestal dunhas árbores próximas que permita avistar os coches, antes de que tomen a pequena ponte ondo cruce. "Puxeron uns espellos que, no inverno, énchense de bafo e xa non serven", lamenta Riveiro, quen advirte tamén do cruce de incorporación na N-120 dende Melias polo risco cos vehículos que veñen de Monforte.

Os habituais cortes na N-120, xa sexa por obras ou por desprendementos, desvía o tráfico pola estrada que comunica Ouriz. A última vez, a finais do 2019, supuxo moitas complicacións para Lorena Rodríguez, veciña de Ouriz: "Eu tiña que baixar aos nenos á parada do bus, que está na metade da estrada, e coa falta de visibilidade máis o tráfico, foi horrible", recorda. 

A incorporación á N-120 á altura de Melias, tamén de risco para os vehículos.

A incorporación á N-120 á altura de Melias, tamén de risco para os vehículos.

Transferencia ao concello

Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, xa solicitou ante Fomento que lle transfiran as competencias sobre esta estrada nos núcleos de Vilariño e Melias, cunha condición, que antes a arranxen. "Só queremos que a asfalten en condicións e que pinten, logo xa será responsabilidade nosa, aínda que en moitas partes xa facemos nos a limpeza", explica o rexidor. 

A resposta chegou en decembro, concedendo o traspaso sen melloras, xa que consideran o seu estado "aceptable". Este xoves, o Concello envioulle a Fomento un estudo técnico coas carencias desta vía. "O de Ouriz é un punto perigoso que necesita unha solución", resalta Menor, quen tamén menciona o prexuízo que sofren urbanísticamente Vilariño e Melias por estar ao carón dunha estrada nacional.

Te puede interesar