A Cruz Vermella conciencia sobre o emprego da máscara

Os voluntarios estarán presentes nas zonas con maior afluencia de xente nas rúas da cidade

O Concello de Ourense e a Cruz Vermella presentaron onte unha iniciativa de concienciación sobre o uso de medidas hixiénicas e da máscara nas rúas de Ourense.

A actividade consiste en informar e recordar á cidadanía a importancia de usar a máscara para evitar posibles rebrotes. "Vemos que en zonas de Galicia, como na Mariña xa hai un aumento dos casos, pero en Ourense temos boas cifras e queremos mantelas, polo que necesitamos a colaboración da cidadanía", explicou o presidente da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro. 

A campaña empezou o día 1 de xullo e tamén ten o obxectivo de informar aos ourensáns das medidas de prevención ante a calor e os problemas de saúde que pode provocar unha prolongada exposición ao sol. "A idea desta campaña é ver que opinan os ourensáns no tema das máscaras e traballar con eles as dudas que poidan ter e aproveitar esta situación para sensibilizar sobre outras temáticas que xa vimos facendo", comenta a responsable de saúde e socorros de Cruz Vermella, Saray Gómez, tamén presente na rolda de prensa xunto ao alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome e a edil de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, 

Os voluntarios da organización estarán presentes nas zonas máis transitadas da cidade como a Praza Maior, a rúa do Paseo ou as piscinas de Oira. A campaña pode levarse a cabo tamén en outros concellos como Xinzo, O Carballiño e O Barco. Segundo Cruz Vermella, a campaña está tendo boa recepción por parte da cidadanía. "Os primeiros días fíxose unha enquisa e o 70% das persoas coas que falaron recibiron a iniciativa positivamente", afirma Ferreiro. 


8.000 persoas


Durante todo o estado de alarma, Cruz Vermella púxose en contacto con cerca de 8.000 persoas para informar sobre as medidas de prevención que se foron aplicando. Actualmente, a organización continúa o seguimento das persoas que teñen problemas de mobilización para axudar na súa asistencia.

Te puede interesar