Solidaridade

Cruz Vermella xa recolle xoguetes para o Nadal

Voluntarios na recollida de 2018.
photo_camera Voluntarios na recollida de 2018.
Esta campaña solidaria levou o ano pasado agasallos a 400 rapaces da provincia ourensá

Cruz Vermella encara as datas de Nadal cunha nova campaña de recollida de xoguetes, impulsada pola área de Xuventude da organización. "Todos os anos traballamos no proxecto 'Xoguete educativo' destinado a que os nenos teñan acceso a unha educación mediante o xogo", explica Adriana Diéguez, coordinadora provincial da área de Xuventude da organización.

Dentro de "Xoguete educativo" encóntrase a recollida na que xa se encontran inmersos ata o 17 de decembro. "Todo o que se consiga daráselle aos nenos que formen parte de Xuventude, e a todos aqueles que veñan derivados de Servizos Sociais ou outros departamentos de Cruz Vermella", sinala Diéguez. O seu obxectivo é que todos os menores teñan un xoguete para poder xogar, especialmente nas datas que se aproximan. "Temos empresas que colaboran con nós, pero tamén estamos abertos a todas as aportacións que queira facer calquera persoa", afirma a coordinadora.

Nas instalacións de Cruz Vermella xa están a recoller todos aqueles xoguetes que as persoas desexen doar para que todos os nenos teñan un regalo de Nadal. "Aceptamos xoguetes totalmente novos, para asegurar a súa calidade e a hixiene", apunta Diéguez. Ademáis de cumprir con esas condicións, engaden outras como que sexan "educativos, non bélicos, non sexistas e cooperativos".

Nesta campaña contan co apoio de Obra Social La Caixa que "aporta unha cantidade económica para que podamos comprar xoguetes". O pasado ano fixeron "entre 350 e 400 entregas" entre todas as asambleas de Cruz Vermella repartidas en nove comarcas. "Os xoguetes dámosllos a nenos de 0 a 18 anos de idade, abarcamos infancia e xuventude", comenta a coordinadora. Dende Cruz Vermella pretenden que todos teñan acceso a un xoguete novo porque sofren "a dificultade económica e tamén social, en moitos casos".

Unha vez finalizado o tempo de campaña o 17 de decembro, Cruz Vermella comezará a traballar nas entregas. "Todas as familias pasan por un proceso de valoración, esa é a maneira que temos de detectar a necesidade", aclara Diéguez. Os xoguetes danse aos familiares ou tutores dos nenos. "Queremos axudar que os que teñan ilusión, a sigan mantendo nestas datas", remata a coordinadora.

Te puede interesar