CULTURA

A cultura despide a Campio, o poeta "humilde" de Garabás

A Ínsúa dos Poetas mantén a homenaxe na que ía participar o autor, que faleceu onte aos 90 anos 

Din os que o quixeron que seguramente o fixo adrede. O de morrer antes dunha homenaxe. O poeta de Garabás (Maside) Víctor Campio Pereira faleceu onte aos 90 anos, uns días antes do recoñecemento en vida que a Ínsua dos Poetas lle tiña preparado para este sábado e que, coa aprobación da familia, manterase aínda que o protagonista xa non esté. Os que o trataron falan dun home "humilde", "sinxelo" e que "fuxía de recoñecementos". O mundo da cultura galega está de luto polo pasamento deste escritor que se namorou da prosa poética coa revista "Posío", xunto a Xosé Conde, Antón Tovar, Pura Vázquez ou Faustino Rey e que, anos despois, combinou a faceta literaria coa de docente, xubilándose como profesor no IES As Lagoas, na cidade onde exerceu de forte activista cultural.


Retorno á infancia


"A nosa era unha relación de afecto entre masidaos. No outono da súa vida deunos lecturas de poemas con imaxes e formas de sentir da súa infancia, do seu territorio. A súa infancia estivo sempre presente, pero sobretodo nos últimos momentos da súa vida", recorda Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, entidade que nomeou membro de honra a Campio en 2010. "A mellor homenaxe que nos deixa é a súa obra", engade. O poeta de Garabás cultivou tódolos xéneros, publicando os libros de poesía "O ar que nos leva", "Perdida luz", "O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006" e "Quince sonetos de amor e once poemas máis". A súa única novela foi "Baixo o sol do Magreb" e a súa última aportación literaria individual foi o ensaio "Escritos en do menor", en 2011, unha compilación de artigos que publicou en La Región, o xornal co que colaborou durante anos e que edita esta obra de retallos da memoria viva dun autor sensible e culto que levou Ourense no seu maxín.

A Real Academia Galega, da que era membro correspondente dende 2011, lamenta o pasamento de Campio lembrando a obra literaria que agora deixa en herdanza. Xesús Alonso Montero, outrora presidente da institución, foi unha desas "poucas persoas que coñeceron a Víctor Campio". O sociolingüista lembra ao seu compañeiro como "ouro limpo, e probablemente unha das persoas máis boas e xenerosas que ten dado Europa".


A man polo lombo ás palabras


"Era o dono das palabras, pasáballe a man polo lombo ás palabras coma poucos, con talento poético", conta Alonso Montero, que foi o encargado da antoloxía poética de Campio, "o traballo literario que máis traballo me deu na miña vida. Hai poucas persoas que escribiran un galego mellor ca o del e unha poesía que enriqueceu a poesía europea do seu tempo".

Manuel Baltar, presidente da Deputación, lamenta a "triste nova para Ourense e para a nosa cultura", destacando a "humanidade e produción literaria que deixa este ourensán nado en Garabás, un dos grandes da nosa literatura". A homenaxe na Ínsua dos Poetas servirá "para que pase á historia da nosa cultura como se merece, con letras maiúsculas".


Adeus a un fillo de Maside


En Maside, onde en 2010 foi nomeado fillo predlicto, senten un profundo pesar. O alcalde, Celso Fernández, adianta que preparán unha homenaxe póstuma para unha "figura extraordinaria do lirismo galego. Déixanos un fillo de Maside".

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, recorda ao poeta "que ten un lugar senlleiro na lírica contemporánea galega". Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, tamén manifestou a "triste nova" do pasamento do poeta que deixa a Ourense un pouco máis orfo.

Ás 16,30 horas terá lugar a condución, dende o tanatorio de As Burgas ata o cemiterio de Santa Mariña. O funeral será mañá ás seis da tarde, na igrexa María Auxiliadora, en Salesianos. 

Te puede interesar