NUEVAS TECNOLOGÍAS

Cultura dixital, a análise na ICC Week

O director de cine Oliver Laxe falou do desenvolvemento da película “Mimosas”, relatando a “travesía” que supuxo o proceso de rodaxe do filme -gañador da Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes

A terceira xornada da “Ourense ICC Week” centra hoxe a súa actividade en temas como a produción en cine e TV e as novas tendencias na cultura dixital. Esta mañá, no Castelo de Maceda a produtora Concha Fontenla ofreceu un relatorio sobre “A produción no cine e a televisión”, destacando que o investimento e marketing “fai que se produza un desequilibrio entre grandes producións e outros proxectos de cinema máis independente que non teñen tanta visibilidade”, e no tocante ás tendencias actuais da produción e exhibición de produtos televisivos subliñou “o novo modelo que están establecendo novos axentes como Netflix, Amazon ou Youtube. A televisión está facendo unha aposta moi importante pola entrada de plataformas dixitais en España e isto está cambiando os xeitos de traballar”.

O director de cine Oliver Laxe falou do desenvolvemento da película “Mimosas”, relatando a “travesía” que supuxo o proceso de rodaxe do filme -gañador da Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes-. Laxe destacou “os problemas e dúbidas aos que se enfronta un director nos momentos previos e durante a filmación dunha longametraxe, así como a precariedade de medios, a frustración, os accidentes e obstáculos, fan que a propia película se faga a ela mesma".

Esta tarde as actividades da ICC Week continúan no edificio La Molinera cos relatorios sobre cultura dixital, economía colaborativa e fotografía, coa participación de Pako Rodríguez; de Ouishare; do director do ESEI Campus de Ourense, Fran Rodríguez; do director do Outono Fotográfico, Xosé L. Vázquez e do director xeral VEGAP, Javier Gutiérrez. Por último, ás 19.30 horas, o director de contidos de El País Retina, Jaime García ofrecerá un relatorio sobre “Tendencias ‘17”. Asemade, hoxe, no polideportivo do Campus de Ourense deu comezo a ICC Technium Lan Party.

Na xornada de mañá venres a ICC Week analizará os retos culturais e creativos en Ourense e Galicia, e a cultura como medio de superación, en relatorios e debates que se desenvolverán no castelo de Monterrei e no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Te puede interesar