Un cura de cine que casou a Castelao

Homenaxe ofrecida a Antonio Rey Soto, nos xardíns de Méndez Núñez.
photo_camera Homenaxe a Rey Soto organizada pola “Reunión de Artesanos” desa cidade, onde destaca, pola súa estatura, Murguía.
Nacido no pazo de Ramirás (Santa Cruz de Arrabaldo) en 1879 e sacerdote en 1901, Antonio Rey Soto non foi, nin moito menos, un cura ó uso da época. Poeta, dramaturgo, cineasta, emigrante... mesmo sería o elixido para casar a Castelao

En días de cine coma os que, ó fío do OUFF, imos pasar esta semana en Ourense, porténseme a min a idea de traer a colación a unha figura a quen a sotana non lle foi pexa para explorar os límites profesionais, intelectuais e mesmo sensoriais dunha época. Nacido con vocación literaria, quixo ser cineasta e creou a produtora “Celta Films”. Pero iso non foi máis ca unha anécdota no ronsel dunha vida que experimentou paixóns amorosas, saqueos domiciliarios e incluso o asasinato dun amigo seu no teatro Eslava de Madrid.

Teñen sido varios os traballos que nos últimos anos viron a luz neste xornal arredor de Antonio Rey Soto. Fernándo Román, Rafael Salgado, Maribel Outeiriño... Sen embargo, a figura de tan senlleiro cura é tan poliédrica e tan atractiva que nos permite incorporala a esta galería de ourensáns para axudar a un maior coñecemento de quen, dende Ourense, foi capaz de arrebolarse ó baleiro total coa única arma da súa palabra e o único “paracaídas” da súa sotana.

Antonio Rey Soto nace nunha confortable habitación do pazo de Ramirás (Santa Cruz de Arrabaldo) un día de febreiro de 1879 e, coma tantos mozos de boa familia, toma o camiño do seminario para logo ampliar estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e na Central madrileña.

O fito primixenio da súa peregrinación -alén do sacerdocio- é o nomeamento de capelán da casa do nobiliario matrimonio formado por Isidoro Temes e Ángela Varela, que fan del o fillo que nunca tiveron. Con eles viaxa por toda España e por diversos países de Europa. Con Isidoro está a piques de morrer en 1910 nunha saída da estrada do seu coche polos codos do río Bibei, camiño das Ermitas. Con Isidoro está en Madrid cando este falece de forma repentina, en maio de 1918. E con Ángela Varela non deixaría de estar animicamente nunca, na súa condición de cómplice, confesor e se cadra máis... ata que ela falece en 1956.

No medio, a amizade que lle xurde con Castelao na etapa compostelá, leva ó patriarca a pedirlle que sexa el quen oficie, en 1912, o seu matrimonio con Virxinia.

O fito segundo chántao en Madrid, onde pronto accede á elite cultural da vila gracias ó éxito acadado no teatro coas obras dramáticas “Amor que vence al amor” e “El cuento del lar”.

Para aquela xa tiña explorado o pracer da poesía en galego, malia que non foi precisamente no idioma de Arrabaldo no que asentou a súa ampla produción literaria, o que non foi obstáculo para que en 1920 fose elixido membro da Real Academia Galega, malia que non puido acceder ata 20 anos despois.

Madrid, Galicia, Madrid é, nesa época, o seu itinerario recorrente, ateigado de conferencias, banquetes e homenaxes co máis distinguido das súas sociedades.

Con todo, o asasinato do xornalista, dramaturgo e íntimo amigo seu, Luis Antón de Olmet, a mans doutro coñecido novelista, Alfonso Vidal y Planas, en pleno teatro Eslava, fai que as súas previsións se adianten e decide coñecer de primeira man ós “ausentes” -é dicir, ós emigrantes- sobre os que, xa en 1910, escribira: “Ellos han socorrido las calamidades públicas; ellos han fundado escuelas, hospitales, asilos e iglesias; ellos han protegido la industria y el comercio; ellos han enaltecido y sublimado a nuestros escritores, a nuestros artistas, a nuestros sabios y a nuestros poetas; por ellos somos conocidos en el mundo como laboriosos, inteligentes, sufridos y honrados, sobre todo honrados y, finalmente, sin ellos, Galicia perdería su personalidad, su vigor y su vida, porque son su cerebro y su brazo, su corazón y su pensamiento”. 

“¡Es una película de cosas gallegas y asturianas. Estoy entusiasmadísimo!”

Denantes de establecerse en América, Rey Soto xa tivera oportunidade de viaxar a Cuba, Estados Unidos e Arxentina para impartir conferencias sobre literatura española. Alí descubre a maxia do cine e o moito que a imaxe pode axudar a exacerbar a palabra. De tal modo que, ó regreso, xunto con Antonio Méndez Laserna funda a productora “Celta Films” para a “explotación en España y América de películas cinematográficas sobre asuntos de Galicia y Asturias”.

A idea inicial é realizar unha produción de imaxes que logo lle sirvan a Rey Soto para ilustrar as súas conferencias nos centros galegos de Hispanoamérica. “Andamos impresionando una película -declara naqueles días- de cosas gallegas y asturianas para llevármela a América. Va a ser algo estupendo. Estoy entusiasmadísimo. Tenemos asuntos sorprendentes, maravillosos, que levantarán en peso a los españoles de nuestras colonias de emigrantes”. Non obstante, o entusiasmo non sería suficiente para encandear á emigración e a empresa foi un verdadeiro fracaso, coa única produción de “Un viaje por Galicia y Asturias” e “Maruxa”, dúas obras perdidas, pero que axudaron a Rey Soto a recalar en Guatemala, primeiro como párroco da igrexa de Santiago de los Caballeros e logo como profesor de literatura na súa universidade nacional.

Alí asentou media ducia de anos e alí produciu varias obras literarias, entre elas “La copa de cuasia”, un ensaio sobre a dor. “Sentimental y no dogmático -di un crítico- es el origen de este libro, fruto volcánico de una crisis íntima, acaso esa crisis de madurez que lo desgajó hace años de su pazo gallego y lo lanzó por los caminos de la tierra y del mar y de la que ahora convalece en la hospitalaria Guatemala”.

En 1930 regresa a Madrid e a Galicia. Un xornal di del: “Rey Soto está en la plenitud de la vida. También su cuerpo parece haber pasado por el crisol del alquimista -o título dun libro que acaba de publicar-. Hace gimnasia. Tiene pecho de atleta y buen color. Su alma ríe en sus labios. Se siente fuerte y dichoso”.

Así e todo, aínda lle quedarían desgustos por vivir e fitos que chantar no seu periplo vital. O saqueo da súa casa e a perda de libros e documentos, en 1933, por colaborar co cura republicano Juan García Morales, foi un deles. O outro, o falecemento de Ángela Varela en 1956. E o terceiro, o abandono de Ourense -coa súa dotada biblioteca- para o mosteiro de Poio, ó ano seguinte, pola incompetencia -din- dos próceres locais do momento.

Morrería en 1966, con 87 anos.

Te puede interesar