EDUCACIÓN

Un curso aborda os contos dende a perspectiva de xénero

O curso, que ten unha duración de 40 horas e matrícula de balde, será impartido por Beatriz Pérez, licenciada en Psicoloxía e axente de Igualdade, e Atenea Fernández, licenciada en Arte Dramático e contacontos.

O Campus de Ourense acollerá do 21 de outubro ao 5 de novembro o curso "Contos con senso: contos con perspectiva de xénero" con un dobre obxectivo. Por uha banda, para facilitar un espazo para a abordaxe da literatura infantil e da tradición oral dende unha perspectiva feminista, onde "cuestionar os modelos hexemónicos nos que se sosteñen as relacións de poder e as desigualdades sociais". Pero tamén para adestrar as competencias comunicativas e facilitar a creación e a interpretación de historias evitando a discriminación de xénero e "promovendo olladas diversas e inclusivas nos contidos e na forma".

A cita, organizada pola Asociación Universitaria Educación Social e Sociedade Auce co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, parte no seu deseño "da importancia da tradición oral na transmisión de aprendizaxes e na construción do imaxinario colectivo, neste caso un imaxinario heteropatriarcal", tal e como comenta Noemí Giráldez en nome da organización. "Pensamos que é importante con iniciativas coma esta visibilizar outros modelos existentes que poñan en valor a diversidade", engade. 

O curso, que ten unha duración de 40 horas e matrícula de balde, será impartido por Beatriz Pérez, licenciada en Psicoloxía e axente de Igualdade, e Atenea Fernández, licenciada en Arte Dramático e contacontos. Elas serán as encargadas de impartir unha acción que persegue que os participantes, un máximo de 20 persoas con inquedanzas nesta temática, adquirirán as ferramentas necesarias para a creación e interpretación de contos con perspectiva de xénero.

Te puede interesar