Entrevista

“O da Chavasqueira soluciónase rápido se o Concello nos manda dous papeis"

José Antonio Quiroga é presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e secretario de Organización do PSdeG

A reconstrución da Chavasqueira, o saneamento do Barbaña, a demanda de estudar un Miño navegable ó seu paso por Ourense ou a nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil son algúns dos temas que están sobre a mesa do presidente do organismo, José Antonio Quiroga Díaz (Saviñao, 1960), que acaba de cumprir un ano e medio no cargo, que compaxina coa secretaría de Organización do PSdeG, sendo unha persoa de total confianza de Gonzalo Caballero.

Empezamos pola Chavasqueira. O que ía ser cuestión de semanas vai xa para un ano. Que pasa?

Eu vou dar a realidade dos papeis e logo que cada un interprete.

Cal é esa realidade?

O propietario é o Concello e ten que facer os papeis, pedir autorizacións a este organismo, que debe dar o visto bo para que volva estar en funcionamento nas mesmas condicións. Eles presentaron o 15 de maio, en xuño se lle require documentación adicional e mandan 5 de decembro algo incompleto. Hai outro requerimento e ata agora non hai nada novo.

OURENSE (SEDE CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA). 28/02/2020. OURENSE. Retrato de José Antonio Quiroga, presidente de la CHMS. FOTO: ÓSCAR PINAL

Pero que necesitan para dar o visto bo ó mesmo proxecto?

É algo moi sinxelo. Por un lado, que aporte un documento no que diga que en 2014, cando entra en vigor a nova lei, esa zona estaba calificada como urbanizable. Ademais teñen que comprometerse a unha declaración responsable segundo a cal, por estar en zona inundable, van poñer en marcha os mecanismos oportunos se hai unha enchenta.

A CHMS non bloquea?

Non, o que contei é o que hai. Despois non sei se entre propietario e concesionaria hai diferenzas, pero iso xa é interpretativo. A Hidrográfica relaciónase co propietario, que é o Concello.

Se entregan iso, os prazos serían breves?

Claro. Non automático, pero moi rápido. O obstáculo nesta polémica son eses dous papeis.

Jácome fala dun parque acuático termal no Miño. Sería viable?

Poderíase estudar, vendo os condicionantes en función do proxecto que trasladen. Hai cousas que si e outras non, pero mentres non haxa un papel, é falar de castelos no aire.

OURENSE (SEDE CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA). 28/02/2020. OURENSE. Retrato de José Antonio Quiroga, presidente de la CHMS. FOTO: ÓSCAR PINAL

Os ríos parecen clave para desenvolver as cidades.

Son un valor e deben invitar a acercarse a ese cauce, a desfrutar del.

Á CHMS interésalle potencialos?

É obvio que si, pero volvemos ó de antes. Se alguén pretende facer cousas ilegais, non o permitiremos.

Pódese facer o Miño navegable?

É unha idea que vén moi de vello. Pero temos os encoros, que son un impedimento que non o fan viable.

Pero noutros lugares si poden.

O problema de Velle é que é un encoro que sirve para abastecemento da cidade, iso é xa un problema. Despois, hai unha regulación do seu caudal que non fai posible nin viable pola oscilación, que pode provocar certa perigosidade. Se falamos do casco urbano, ves como soltan auga en Velle e a navegación sería imposible. Con todo, fanse probas para intentar estudalo.

OURENSE (SEDE CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA). 28/02/2020. OURENSE. Retrato de José Antonio Quiroga, presidente de la CHMS. FOTO: ÓSCAR PINAL

Pódese facer algo co frustrado centro de parques naturais?

É unha estructura que quedou aí pero non é doado encarrilar ese proxecto, o mellor é que desapareza o esqueleto. Haberá que facelo e cónstame que nun futuro cercano se tomará algunha medida.

A calidade das augas na provincia. É boa?

Pódese dicir que é aceptable con focos non tan bos sobre os cales hai que poñer en marcha medidas contra os verquidos.

Faise no Barbaña?

Vai mellorar cando se poña en marcha o gran proxecto de mellora da depuradora e colectores de San Cibrao. A actividade económica é a responsable de que o Barbaña baixe en condicións pouco aptas de cando en vez. O proxecto está evaluándose en Madrid e vaise a 29,7 millóns. Rematará coa problemática.

Vai ser tido en conta en Madrid?

Si, si. É unha obra de interese xeral.

Digo se hai que ter medo polo investimento tan elevado.

Si ou si vai para adiante, é unha decisión política. Está asegurada a súa materialización. Depende agora da exposición pública, alegacións e logo xa se licitará. Non hai marcha atrás.

Está a haber vixianza con eses verquidos?

Si, sempre se vai mirar e hai expedientes. Pero é difícil localizar o punto de orixe.

OURENSE (SEDE CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA). 28/02/2020. OURENSE. Retrato de José Antonio Quiroga, presidente de la CHMS. FOTO: ÓSCAR PINAL

Debe convivir o interese económico co ambiental.

Claro, a solución non é pechar o Polígono, senón arranxar as eivas do sistema e unha maior concienciación dos empresarios, que me consta o seu interés porque a ninguén lle gusta estar na picota.

O saneamento de Velle non dá chegado. Cal é o problema?

Os protocolos seguen vivos á espera de que o Concello dote nos seus orzamentos e acorde no pleno. Nós estamos á espera, preparados. Teño tido ós veciños queixándose, pero nós agora non podemos facer nada máis que esperar polo Concello.

Olvidáronse da nova sede?

Non, para nada. Sabemos que é unha eiva a solucionar.

O Goberno dicía que en 2019 habería un emprazamento.

Se houbera unha posibilidade real faríamolo, pero non é fácil atopar un edificio de ata 5.000 metros cadrados. A dispersión non é bo para o administrado nin para a propia casa.

Pero buscan algo para rehabilitar? Descartan un novo edificio?

Están abertas as dúas posibilidades. A miña opinión persoal é rehabilitar algo no casco histórico, das vida e creas unha dinámica pero as posibilidades non se adecúan.

Pero de Ourense non se move, non.

Por suposto que non. Queremos reforzar e darlle vida a Ourense.

E vostede. Viuse deixando o cargo para ir nas listas do PSdeG nestas Autonómicas?

Esa posibilidade existía, pero cando din o paso desde o Parlamento cara a Hidrográfica era consciente do que facía. Non quere dicir que me quede toda a vida, iso si.

Está cómodo?

Moito. Para min o tema das augas é de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico, un medidor da saúde medioambiental. E por iso me parece un posto moi relevante, o que non impide que o día de mañá poida saír hacia outro destino.

Ante unha hipotética formación de Goberno en Galicia, vese como conselleiro?

Ese é outro escenario, non adiantemos. O único seguro é que non serei deputado. Se hai opcións de goberno xa se verá, non adiantemos.

É optimista coas Autonómicas?

Dende logo que si. Non un optimismo pechado á realidade, porque nunhas eleccións como estas non regalan nada, hai que traballar moito. A diferenza con respecto a hai catro anos é que hai posibilidades reais, constatadas por sondeos e un banco de probas no 2019, cando a opción do PSOE en Galicia tivo un resultado histórico. Son extrapolables? Non. Pero non cabe dúbida de que ese banco de probas si é un indicador. 

Te puede interesar