obras

Dan comezo as obras de mellora do acceso ao instituto de Viana do Bolo

Esta actuación ten un prazo de execución de 2 meses, aínda que se axilizarán ao máximo os traballos para que estean finalizados ao inicio do curso escolar

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de comezar as obras para a mellora do acceso ao instituto de Viana do Bolo, dende a estrada OU-533. Esta actuación, adxudicada a Explotaciones Medioambientales, S.L.U., ten un prazo de execución de 2 meses, aínda que se axilizará ao máximo para que estea finalizada ao inicio do curso escolar.

O proxecto de mellora consiste en habilitar un carril adicional para a parada de autobuses escolares na parte frontal do instituto, na marxe dereita da estrada OU-533, entre o Pq. 20+700 e o 20+800, entre a beiravía da estrada e o cerramento do centro. 

Os traballos centraranse na demolición da beirarrúa existente e os servizos de iluminación que hai nela. No seu lugar, aproveitando o espazo axardinado actual, construirase un novo carril de circulación separado da estrada e destinado aos autobuses. Executarase unha beirarrúa nova, ao carón do peche do instituto coa iluminación correspondente.

Para a execución do carril con rapidez e seguridade, será preciso cortar un carril da estrada e non será posible acceder ao instituto pola porta existente nese punto da estrada, polo que se acordou executar a obra ao longo do mes de agosto para non interferir no funcionamento do centro.

A Xunta, a través deste tipo de actuacións, continúa a traballar no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co obxectivo de acadar unhas estradas cómodas e seguras, fomentando así o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

Te puede interesar