Arte et alia

Dende Portugal a Cudeiro con Catoira

Peixe (díptico).
photo_camera Peixe (díptico).

As novas fadistas portuguesas mesturan o folklore co rap e a electrónica. Así Rita Vian ou A Garota Nou. Tamén o fai Ana Moura, quen pronto virá a Galicia. Um sabor realmente refrescante o desta exposición do Catoira, burbullas dun sentir, con lirismo e tenrura de seu. Dende unha viaxe a Lisboa, que foi o detonante, e o impulso, fixo o resto o maxín. Da potencia ao acto, como se fose doutrina asentada da metafísica aristoteliana. Así xurdiron estas obras, da pel do vrau do seu corazón minhoto. Un Renascer como ben di o artista, quen inicia a exposición con esta obra por bandeira, un ritmo que define co xesto a esencia deste óleo sobre madeira con texturas, e cun enmarque sobranceiro, que o viste, en destaque no escaparate da Galería Visol, como tamén no tríptico-catálogo. Ábrese este co solto de Tareixa Taboada, crítica de arte e xefa de sala, no que sinala como as súas pinturas son, ante todo, lirismo. Pode, mais Manuel López García (Ourense, n. 1946), alcumado Catoira, adoita envolverse coa colcha floreada da literatura ab ovo para enfrontarse ao seu destino dende o taller instalado en Cudeiro. E baixa desta volta para amosarmos once novas obras que coloca con ritmo de suite barroca, a canónica forma das danzas sociais cortesáns nas que nunca adoitaban faltar allemande, courante, sarabande e giga, máis tamén o air, minueto, gavota, rigodón ou o rondó. Unhas son de tempos rápidos, como aquela obra mencionada, e entre as dos ritmos máis lentos está Morangos  con nata, peza que transmite un xogo lúdico dende os campos cromáticos. E pon diante noutras os afectos do corazón e a fe dun pobo encarnado nunha dona Saharaui e unha andoriña, ave que migra e chega nos veráns até a nosa terra, como os nenos e nenas acollidos por familias galegas... Logo, están os peixes. Con eles perimetra o seu arco do tempo cunha obra vintage de 1990, e a cera dunha colectiva coordinada por Chilida en homenaxe a Ruiz Belardi; sendo a terceira un elegante biosbardo amosado xa nesta sala en 2016. O peixe de agora medra dende as dúas partes dun díptico, un expresivo salto cualitativo. Así nesta Suite Lusitana, que é título da mostra e explícita obra simbólica a un tempo. Con Autobiografía, o artista amósanos un abano seu con recortes publicitarios entre cores rechamantes, colaxe e óleo, ao que engade tela de saco e, como disimulado, un autógrafo a un texto de Espriu no que se pode ler un comentario ou declaración, tentativas de lle facer caso a Rimbaud, quen escribira en Mi bohemia (Fantasía), ¡Musa, te era tan fiel!, un impulso de corazón romántico que Manolo Catoira coñece ben.

Autobiografía
Autobiografía

E de máis lonxe...

No espazo sobreelevado da Visol, está a exposición do Taller experimental Gráfica de La Habana, vinte e oito pezas doutros tantos artistas co gallo do seu sesenta aniversario, obras en papel, sempre tan da nosa cultura dende as impresións renacentistas e que a irrupción do formato dixital estase a estender. Suxestiva é a obra de Guillermo Vantur, en capas como sedimentos; podendo tomarse as dúas con peixes de Hanoi e de Iris Fundadora como un nexo coa de Catoira. Velaquí as dúas propostas plásticas da sala.

Te puede interesar