OCIO

Dende termalismo ata actividades para os pequenos: Así é 'Ocio en familia'

Esta medida do Concello de Ourense agrupa seis propostas lúdico-culturais para familias con fillos de 4 a 14 anos. Consulta aquí o programa

A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense convida a nais, pais, fillos e fillas a compartir o seu tempo de lecer con actividades saudables e divertidas durante as fins de semana. O programa “Ocio en familia” inicia unha nova edición, con 6 propostas lúdico-culturais para familias con cativos de 4 a 14 anos, durante os meses de abril, maio e xuño, coas que descubrir a cidade, practicar deporte, xogar ou practicar novas afeccións compartindo obradoiros. A inscrición é gratuíta, e pódese realizar ata o día 27 de abril na Concellería, na rúa Vasco da Ponte, 1.

O programa comezará o sábado 29 de abril, cunha novidade “Alimenta a saúde”, na que as familias compartirán unha fin de semana saudable nos parques da cidade facendo exercicio e no rianxo da praza de abastos para coñecer os produtos de tempada, a súa preparación e degustación. 

Mira Ourense con outros ollos (/5/2017). Consistirá en pasear pola zona antiga da cidade con visita guiada á catedral, os panteóns de galegos ilustres no cemiterio, o claustro de San Francisco e o museo arqueolóxico, coñecendo os recunchos para rematar con visita ao Parque ferroviario Os Carrileiros onde poderán gozar de viaxes nos mini trens.

Xogos para compartir (14/5/2017). Servirá para retomar os xogos de sempre compartíndoos con fillos e favorecer a comunicación en ambiente lúdico e ao aire libre con outras familias.

Os camiños da auga 21/5/2017. Propón unha ruta para coñecer os recursos termais da cidade e rematar cun baño (opcional) nas termas de Outariz, e desprazamento no tren turístico das Termas.

Á luz da lúa 27/5/215 Será un percorrido nocturno guiado polos arredores da cidade para observar estrelas ou simplemente para mirar a cidade desde a altura. 

Andaina sen fume 4/6/2017 Coincidindo co día mundial sen tabaco, o Concello organizará unha andaina saudable de 10.000 pasos pola cidade.

Concurso de Fotografía. As familias tamén poderán participar nun concurso de fotografía, que premiará as mellores instantáneas que plasmen as experiencias compartidas nas actividades. Poderanse presentar 3 por familia, que optarán a premios como unha cea, cámaras e álbums dixitais.

Ocio en común san, alternativo e divertido. O traballo, a rutina, a falta de tempo fan que en moitas ocasións as familias non podan compartir todo o tempo e lecer que desecarían. Este programa pretende dar oportunidade de gozar dun ocio en común, san, alternativo e divertido, que facilite a conciliación familiar, incentive que nais, pais, fillos e fillas pasen máis tempo xuntos.

Complemento a OciOurense Xove. A semana pasada, o Concello presentaba unha nova edición de OciOurense Xove 2017, que achega actividades de lecer saudable para mozos e mozas de 15 a 30 anos. Con Ocio en Familia, amplíase o ámbito de intervención, para proporcionar tamén propostas a cativos e cativas de menos de 15 anos, así como a nais e pais.

A actividade está organizada coa colaboración da Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade, Museo Arqueolóxico, Urbanos de Ourense e Termas de Outariz, así como dos espazos expositivos municipais Claustro de San Francisco e Centro Cultural Valente.

Te puede interesar