RENOVACIÓNS EN INFRAESTRUCTURAS

A Deputación aproba preto de 65.000 euros para temas de medio ambiente e infraestruturas

Aprobáronse dúas axudas para a Diocese de Ourense, unha por importe de 15.000 euros para facilitar os traballos de atención do Arquivo Diocesano e, a outra axuda de 6.000 euros para a rehabilitación do tellado da Ermida de San Pablo en San Paio, no termo municipal de Maside

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou un total de 64.905 euros en axudas destinadas a temas de medio ambiente e infraestruturas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 11 de agosto.

En concreto, na reunión aprobáronse dúas axudas para a Diocese de Ourense, unha por importe de 15.000 euros para facilitar os traballos de atención do Arquivo Diocesano e, a outra axuda de 6.000 euros para a rehabilitación do tellado da Ermida de San Pablo en San Paio, no termo municipal de Maside.

No apartado de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o municipio de Castrelo do Val de  20.000 euros destinada á reparación de danos causados polo temporal nas plantacións de castiñeiros. Outra das axudas foi para o Concello da Gudiña por importe de 8.905 euros para levar a cabo a obra de mellora da iluminación pública de Canizo, incluída nos servizos enerxéticos do municipio. Por último, para o Concello de San Xoán de Río unha axuda de 15.000 euros destinada á construción de beirarrúas na rúa O Campo.

Asemade aprobáronse dúas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial correspondentes ao exercicio 2017. A primeira delas afecta ao Concello de Cortegada que reduce o orzamento da obra “entronque con estrada OU-0801” a 25.000 euros, destinando os 30.000 euros restantes do Plan a traballos no parque empresarial de Cortegada. A outra modificación afecta ao municipio de Esgos que incorpora ao Plan a obra “conexión Pardeconde-Xaravedra”, en substitución da obra “construción do velorio municipal de Esgos”, cun orzamento de 55.000 euros.

Te puede interesar