Ourense

A Deputación destina máis de 1,4 millóns para os programas sociais BenOurense

Ourense

A Deputación destina máis de 1,4 millóns para os programas sociais BenOurense

Trátase dunha estratexia coa que a institución provincial da un pulo na atención social para os concellos de menos de 20.000 habitantes

O pleno da Deputación de Ourense, na súa sesión ordinaria correspondente ao mes de novembro de 2020, aprobou hoxe destinar 1.410.000 euros para o desenvolvemento en 2021 dos programas provinciais de servizos sociais “BenOurense”, unha estratexia coa que a institución provincial da novamente un pulo na atención social para os concellos de menos de 20.000 habitantes. En concreto, o pleno aprobou as bases dos programas provinciais de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico (900.489 €), Persoal Técnico (299.511 €), Puntos de atención á primeira infancia (105.000 €) e Servizos complementarios de atención á infancia (105.000 €), todos eles no marco do Programa “BenOurense”.

O Programa BenOurense SAF básico regula a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes, 91 dos 92 concellos da provincia, que presten  o servizo de atención no fogar básico (SAF básico). Inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais. Asemade, o Programa BenOurense Persoal Técnico é a cooperación cos concellos e mancomunidades da provincia con menos de 20.000 habitantes para o financiamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao do traballador social. 

Por outra banda, O programa BenOurense Infancia – PAI ten como obxecto a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ás entidades locais para o mantemento dos Puntos de Atención a Primeira Infancia - PAI, centros que se atopan en concellos de menos de 5.000 habitantes e que teñen como finalidade prestar apoio aos pais, nais, titores e gardadores dos nenos entre 3 meses e 3 anos. E o programa programa BenOurense Infancia – Servizos Complementarios de atención á infancia ten como obxectivo a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes para o mantemento dos “Servizos Complementarios de atención á infancia”. 

En materia económica, o pleno aprobou hoxe instar ao Goberno de España a que adopte solucións para evitar os custes que supoñen para as entidades locais ter depositados os saldos bancarios nas entidades financeiras, e que poidan abrir contas sen comisións no Banco de España para ingresar os seus fondos; e neste sentido, remitir este acordo á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e ao Ministerio de Facenda.