RECICLAXE

A Deputación instalará 450 novos colectores de reciclaxe

Os novos contedores instalaranse por toda a provincia, grazas a un acordo con Ecoembes

A Deputación presentou onte unha campaña medioambiental que consistirá na distribución de 450 novos contedores de envase lixeiro a través dun convenio asinado con Ecoembes.  O obxectivo, segundo afirman dende o ente provincial é "incrementar as cantidades recuperadas destes residuos e favorecer un maior reciclado".
No acto, que tivo lugar no Punto Limpo de San Cibrao das Viñas, estiveron o presidente do ente provincial, Manuel Baltar, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e representantes de Ecoembes. 

O contrato inclúe o subministro de 450 colectores de 800 litros de capacidade cada un, destinados a envases lixeiros, cuxa recollida realiza o Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación. O motivo desta campaña é "a renovación de contedores deteriorados e tamén a demanda por parte de concellos da colocación de máis colectores debido á apertura de establecementos hostaleiros e comerciais", indican dende o ente provincial.

Características técnicas

Estes novos colectores, de cor amarela, van dotados con tapón roscado e unha xunta que garante a estanquidade do recipiente, contando con rodas e accesorios para a elevación e asas para a manipulación dos mesmos. 

Durante a presentación, Baltar resaltou o papel da xestión de recollida de residuos municipais levada a cabo pola Deputación de Ourense en 71 concellos, "un labor enmarcado na política de sustentabilidade e defensa do noso medio ambiente que promove a institución provincial, con xestión, cooperación e campañas de sensibilización cidadá ao longo do ano".

No marco do acordo con Ecoembes, a Deputación manterá actualizado o inventario de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros situados na vía pública, segundo o especificado no convenio. Da mesma forma, tamén se reflicten as altas e baixas que se produzan, indicando os colectores que teñan sido instalados en base a este acordo.
A Deputación tamén sinala a "garantía" de prestación do servizo no referido á frecuencia de recollida, para evitar desbordamentos, e á limpeza e mantemento dos contedores e a súa contorna, fomentando a recollida selectiva na cidadanía.  

Te puede interesar