EDUCACIÓN

A Deputación de Ourense formou a máis de mil empregados públicos durante o 2016

Ofreceu 50 accións formativas e foron 1.322 as horas de formación do ano pasado

A Deputación de Ourense vén de informar sobre o Plan Provincial de Formación de 2016 que ofreceu desde o mes de abril ata decembro, un total de 50 accións formativas nas que participaron 1.154 persoas e que chegaron ás 1.322 horas lectivas. De todas elas, 48 actividades foron cursos de formación continua, os cales chegaron ás 1.311 horas lectivas sendo 984 impartidas fóra da xornada laboral e 327 na xornada laboral.

En canto ao número de participantes nestas actividades o ano pasado foi de 949 empregados públicos procedentes: 468 da Deputación de Ourense, 225 dos concellos da provincia, 222 do Concello de Ourense, 18 doutras provincias, 10 da administración estatal e 6 da Xunta de Galicia. No relativo á valoración das accións formativas do Plan 2016, a puntuación media foi de 9, das 815 enquisas de avaliación realizadas polos alumnos e alumnas participantes.

Así o informou o vicepresidente segundo do goberno provincial, Jorge Pumar, trala reunión da mesa provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense na que se deu conta do balance do programa de Formación da Deputación correspondente ao ano 2016, así como as liñas de deseño do Programa para este ano 2017 que estará aberto, ao longo deste mes, ás achegas dos concellos e das organizacións sindicais.

Jorge Pumar destacou que “a formación dos empregados públicos de toda a provincia é unha prioridade deste equipo de goberno. Por elo, aumentamos a partida con fondos propios destinada a formación tanto dos empregados públicos como dos cargos electos porque consideramos que é unha ferramenta clave na planificación e no desenvolvemento dos nosos concellos”. Asemade, adiantou que no Plan de formación do ano 2017 preténdese incluír “o achegamento da Deputación aos concellos para impartir formación in situ nos municipios ou comarcas que así o demanden en resposta ás súas necesidades formativas”. Asemade, o vicepresidente segundo da Deputación lembrou que dos “3.756 traballadores da administración local da provincia de Ourense, 1.154 participaron nas 50 accións formativas ofertadas no ano 2016”.

Os cursos distribuíronse en 9 áreas de formación: Informática e Novas Tecnoloxías (122 participantes), Xurídica e Procedimental (144), Económica e Orzamentaria (42), Urbanismo e Medio Ambiente (30), Unión Europea (13), Prevención de Riscos Laborais (276), Formación Específica (206), Información e Comunicación (64), e Organización e Recursos Humanos (52).

Ademais dos cursos, o goberno provincial ofertou dúas xornadas de formación que sumaron entre ambas once horas lectivas, e nas que participaron un total de 205 persoas.

En total, destináronse 170.665 euros para as accións formativas que a Deputación de Ourense desenvolveu durante o ano 2016. En concreto, da partida do goberno provincial destinada a actividades formativas dos empregados públicos, 95.000 euros;  da partida específica de formación para cargos electos, 30.000 euros; e unha axuda da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o Programa Provincial de Formación de 45.665 euros.

Te puede interesar