A Deputación de Ourense incorpora puntos limpos móbiles para recoller residuos porta a porta

O novo servizo permitirá reforzar a retirada gratuíta dos residuos voluminosos nos 54 concellos adheridos ao convenio marco

A Deputación de Ourense ven de presentar dous puntos limpos móbiles destinados á mellora do servizo de recollida de residuos voluminosos, “que permitirán reforzar a retirada destes residuos nos 54 concellos adheridos ao convenio marco, dando así tamén resposta ao considerable aumento da demanda deste servizo gratuíto porta a porta rexistrado durante este período de pandemia”, destacou Pablo Pérez, deputado delegado de Cooperación. 

Coa incorporación destes puntos móbiles -dous vehículos adaptados para este servizo-, “a Deputación de Ourense busca evitar a aparición de vertedoiros incontrolados e facilitando á veciñanza que se podan desfacer destes residuos sen ter que se desprazar aos puntos limpos fixos”, expresou. 

Destaca a boa acollida deste servizo, que durante a pandemia experimentou unha notable demanda pola maior presenza de persoas nos núcleos rurais e máis interesados polo acondicionamento das casas familiares ou segundas residencias. Así, detallou o deputado, se nos anos 2018 e 2019 recollíanse unha media de 300 toneladas anuais, “o pasado mes de setembro xa se superaba a media de anos anteriores, tendo en conta ademais que durante tres meses non se fixeron recollidas polo confinamento”.  

Na actualidade, a Deputación xestiona 17 puntos limpos repartidos por toda a provincia, onde chegarán os residuos voluminosos (mobles, colchóns, sofás, lámpadas, roupa, calzado e aparellos electrónicos ou electrodomésticos) procedentes dos domicilios. 

As persoas que desexen desprenderse destes materiais só terán que seguir uns sinxelos pasos, como chamar ao seu concello indicando os seus datos, enderezo, tipo e cantidade de residuos que ten para recoller. O concello xestionará periodicamente estas peticións coa Deputación, que será a encargada de contactar cos solicitantes para indicarlles a data na que o punto limpo móbil pasará preto das súas casas, de xeito que poidan deixar os seus residuos voluminosos ao carón do punto de recollida máis próximo a súa casa. 

Te puede interesar