A Deputación reúne a creadores de catro países

A Deputación de Ourense organiza, dentro das actividades do Proxecto Imagina Atlántica, unha conferencia internacional sobre 'Territorios Creativos', que terá lugar mañá xoves, día 27, e o venres 28 no Centro Cultural 'Marcos Valcárcel'. O evento reunirá en Ourense a profesionais do audiovisual, a ilustración e as novas tecnoloxías, procedentes de Galicia, Francia, País de Gales e Portugal.
Este proxecto de innovación e I+D posibilitou a realización de actividades de promoción do patrimonio do Espazo Atlántico, nas que destacan as novas ferramentas para a promoción da Ribeira Sacra (aplicacións para móbiles e tabletas sobre en catro idiomas: galego, castelán , inglés e portugués), e a futura remodelación do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas, que se presentarán na conferencia. Así mesmo, déuselles a oportunidade a novos creadores para a realización de prácticas e difusión das súas producións, priorizando os recursos existentes e dando lugar á creación e promoción do emprego xuvenil neste ámbito.

Entre as actividades realizadas no Proxecto Imagina Atlántica deseñáronse programas de intercambio de estudantes e profesionais, realizáronse seminarios técnicos internacionais e creáronse produtos e circuítos turísticos e culturais utilizando os recursos patrimoniais e as capacidades de expresión dos territorios. Ademais, realizouse un concurso de obras de arte numérica, implicando unha posta en común de recursos do espazo atlántico, así como a circulación dos creadores a través de accións colectivas de produción orientadas á valorización do patrimonio histórico.
Tamén se creou unha plataforma virtual para a publicación e difusión dos novos creadores e un espazo de colaboración entre os profesionais, estudantes, novos creadores e formadores. Desta maneira, facilítase a circulación dos novos creadores, o que permitirá aos gañadores do Concurso de Arte Dixital expoñer as súas obras en Ourense durante a celebración da conferencia.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que a institución provincial 'foi un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de novos profesionais, destacando as bolsas para estadías en Angouleme –o referente na banda deseñada europea-, para as que foron seleccionados algúns dos profesionais galegos da ilustración máis recoñecidos como son o ourensán David Rubín, Santy Gutiérrez, Iván Súarez, Jano Viñuela ou Sergio Covelo'.
O prazo de inscricións para a Conferencia sobre Territorios Creativos está aberto e pódense realizar as solicitudes a través da súa web, así como coñecer o programa: planificacion.depourense.es/territorioscreativos.

Te puede interesar