POLÍTICO

A Deputación selecciona as obras do Premio Estatuto de Autonomía de Galicia

Reunión do xurado do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia_result
photo_camera Reunión do xurado do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia.

Un certame que baixo o lema “A nosa lingua” (artigo 5 do estatuto) contou coa participación de 330 traballos de estudantes da provincia de Ourense

O xurado da IV edición do premio Estatuto de Autonomía de Galicia de Debuxo e Redacción Escolar, que organiza a Deputación de Ourense, reuniuse no Pazo Provincial para seleccionar as obras premiadas este ano, un certame que baixo o lema “A nosa lingua” (artigo 5 do estatuto) contou coa participación de 330 traballos de estudantes da provincia de Ourense, dos cales 274 corresponden á modalidade de Debuxo ou Traballo Artístico, de alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, e 56 traballos á modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibirán un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción, os 20 mellores traballos, que serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia. Os premiados daranse a coñecer no acto institucional de entrega dos premios que terá lugar o vindeiro 6 de abril no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Te puede interesar