Ourense Rural Summit

Desenvolvemento sustentable e estratexias de innovación

OURENSE 24/10/2019.- Presentación congreso rural. María Isabel Doval, Manuel Baltar, Esther de Blas. José Paz
photo_camera María Isabel Doval, Manuel Baltar e Esther de Blas, en la presentación del Ourense Rural Summit.
Organizado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, terá lugar ata o 31 de outubro nos mosteiros de Santo Estevo e Oseira

O Ourense Rural Summit, organizado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo e que comeza hoxe, terá lugar ata o 31 de outubro nos mosteiros de Santo Estevo e Oseira. O encontro reune a 130 representantes de universidades, empresas, asociacións de desenvolvemento rural e emprendedoras rurais para debater e co-deseñar proxectos de impulso para o medio rural.

Trátase da primeira actuación do International Observatory of Rural Research de Ourense (RIO), que ten como obxectivo a posta en valor dos ecosistemas de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sustentable.

"Unha gran oportunidade para a provincia de Ourense e para todo o rural", así definiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar o "Ourense Rural Summit" (OURS), o congreso internacional sobre o medio rural que serve de plataforma de debate para debater e co-deseñar proxectos de impulso para o medio rural.

O Ourense Rural Summit é "unha iniciativa que forma parte do plan de mandato Ourense 7273", comentou Baltar, salientado que se trata de "proxectar, en Ourense e desde Ourense, as políticas do que é o desenvolvemento rural, nunha cooperación entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo que traerá un importante retorno para a nosa provincia".


Contido


O presidente do goberno provincial subliñou que se trata dun congreso netamente científico que ten formato de debates, conversas, sesións maxistrais e grupos de traballo baseados nos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que en setembro de 2015 a Asemblea Xeral da ONU acordou na Axenda 2030.

Expertos de universidades do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Brasil, Dinamarca, Italia, Hungría, Portugal, Canadá, Bélxica e España, danse cita, destacou Manuel Baltar, remarcando que todo elo pivotará sobre os especialistas da Universidade de Vigo, contando tamén con representantes de institucións comunitarias, que achegarán unha visión necesaria para afrontar os retos do rural.

Neste sentido, Baltar remarcou "o papel que tivo Partenalia (a asociación europea de gobernos locais intermedios que preside), que cooperando co Comité das Rexións conseguiu que no novo marco financeiro plurianual as provincias sexan non só xestoras senón tamén destinatarias directas de fondos comunitarios", e agradeceu ás dúas vicerreitoras todo o traballo previo realizado para este congreso, "cuxas conclusións marcarán a estratexia do Observatorio Internacional do Rural, iniciativa pioneira que sitúa a Ourense en situación de vangarda e referencia para coñecer o que determinan os expertos en medio rural".

Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, agradeceu a cooperación da Deputación de Ourense e destacou a importancia deste congreso "para pór en valor o patrimonio natural, cultural e o inmaterial, que se transmite de xeración en xeración". Na mesma liña, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, dixo que a finalidade deste congreso é a de buscar un novo contrato social para o rural, recapitalizalo intelectualmente, achegando coñecemento da universidade e contando con que "a transferencia de coñecemento debe darse entre o ámbito académico, emprendedores, innovadores sociais e gobernantes".

Sobre o Observatorio do Rural, María Isabel Doval destacou que ten "unha vocación europeísta e que desde Ourense se está financiando e promovendo unha iniciativa máis aló das nosas fronteiras, salientado que Ourense "ten unhas características singulares que poden ser as que Europa terá nun curto espazo de tempo, e pensamos que nesta provincia se poden testar, monitorizar, avaliar e investigar plans e programas que logo se poidan extrapolar a contornas europeas e iberoamericanas semellantes", remarcando que, neste caso, "Ourense formaría parte dos Living Labs -os laboratorios vivos, bancos de probas reais-, onde poidamos construír ecosistemas de innovación social que nos permitan desde a Universidade de Vigo e desde a Deputación conectar coa Intelixencia Rural", afirmou.

A inauguración do Ourense Rural Summit (OURS) contará coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e tamén estarán presentes María Isabel Doval, vicerreitora de responsabilidade social, internacionalización e cooperación; María Belén Rubio, vicerreitora de investigación, e Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense. O evento reúne ao mellor do rural e do universo académico, co fin de ser un lugar de encontro para a xeración de experiencias locais e innovadoras que conformen un ecosistema de innovación rural.

O foro busca repensar conxuntamente aplicacións e intervencións no medio rural, a través do co-deseño de iniciativas para poñer en marcha en contornas rurais. Por iso, presenta no seu programa diferentes sesións de traballo participativas co obxectivo de buscar sinerxías entre as persoas participantes e xerar novas iniciativas de innovación socioambiental no rural.

Te puede interesar