ENTREVISTA

"O despoboamento é un problema común, pero hai moito que gañar se nos dan oportunidades"

Orlando Alves, na escalinata entre a Praza Maior e a igrexa de Santa María Nai (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Orlando Alves, na escalinata entre a Praza Maior e a igrexa de Santa María Nai (XESÚS FARIÑAS).
Orlando Alves, presidente da Cámara de Montalegre, visitou Ourense para estreitar lazos de cooperación coa capital

A escasos nove kilómetros do concello ourensán de Baltar, Montalegre é un dos moitos municipios que conforman a Raia, zona que cada vez se mira máis entre si para tecer proxectos de cooperación que contribúan a combatir o problema demográfico e o olvido das administracións. O presidente desa cámara lusa, Orlando Alves, visitou este luns Ourense para estreitar lazos de cooperación coa capital. Nunha reunión co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ambos se comprometeron a unha promoción mutua da Noite das Bruxas cada venres 13 na localidade lusa e do evento que Ourense acollerá o 31 de outubro, nunha liña similar.

Cada vez están máis preto Montalegre e Ourense? 

Si, o obxectivo é establecer relacións de intercambio cultural. Para nós é unha honra e xa quedamos en manter novos encontros. Puidemos establecer intercambios para facer actividades nas que nós estamos consolidados, como é o Día das Bruxas, mentres Ourense quere potenciar a Noite da Santa Compaña.

Non lle dá a sensación de que hai moita distancia ás veces entre Ourense e Portugal? 

Si, é grande, pero estamos dando pasos para estar máis preto. Somos conscientes de que somos un pobo singular, rural e podemos conseguir cousas positivas se unimos o rural co urbano. Este abrazo entre dous pobos de países distintos debe desembocar nun futuro de cooperación brillante entre ambos lados de Raia.

Unha Raia na que o despoboamento é un problema para todos. Como están vostedes?

É un problema común, estámolo sentíndoo moito nas aldeas, con rúas baleiras. Debemos conseguir movementos que traian xente para o rural, porque temos moito potencial paisaxístico, ambiental, gastronómico e cultural, temos moito que gañar se nos dan a oportunidades de ocupar espazos.

Cos alcaldes da raia ourensá que tal é a relación? 

Temos unha relación privilexiada con Baltar sobre todo, pero tamén co resto dos concellos. É importante que nos tendan a man desde Ourense, porque somos unha zona con moita singularidade, debemos establecer conexións para promocionarnos máis.

Montalegre ten potencial para atraer turistas. Pero están ben a nivel de infraestruturas? 

Estamos ben, pero quizais debemos chegar mais a toda a provincia de Ourense, debemos recordar que para vir aquí non hai que pagar peaxes, como sucede noutras zonas de Portugal.

A estrada está en boas condicións? 

Non é unha autovía, claro está, pero o que quiera apreciar o contacto coa natureza debe ter tempo e espazo para mirar para o lado e non só para enfrente. Debemos aproveitar iso, para excursións familiares nada mellor que unha estrada de montaña, a sinalización é boa e insisto, non temos un problema que ós raianos nos avergoña como son as peaxes nas autovías nas que hai que reservar antes, algo que debería avergoñar nun país que se considera turístico.

En pouco tempo chegará o AVE a Ourense. É unha oportunidades para vostedes? 

Sen dúbida, será o noso vehículo preferencial para chegar ó corazón de Europa, un motivo de vergoña para Portugal, que está a facer o contrario que en España, que si aposta polo ferrocarril e achegarse ó mundo. Mentres, nós o abandonamos.

Como está o tema da mina de litio? 

Portugal está facendo unha nova lexislación que determina que hai que facer unha consulta ás cámaras con decisión vinculante, pero a nova lei non terá incidencia sobre os proxectos xa en marcha. Deberían darlle unha volta para que non haxa concellos de primeira e segunda, deberían suspender todas as concesións e dar as mesmas oportunidades a todos. A nosa posición é clara, agardamos ó estudo de impacto ambiental para tomar a decisión, pero o único certo é que estaremos ó lado do pobo. O interese da UE de ter exploracións de litio non me importa, eu fun elexido para defender ós meus veciños, non os intereses do Goberno portugués.

Chocan os intereses económicos cos da xente? 

Claramente, a nós o económico non nos di nada, o interese do Estado neste proxecto do litio para dirixir as metas de descarbonización e que o país está obrigado dacordo co pacto do clima é entendible e hai que telo en conta, pero máis me preocupa a miña pola descarbonización é apostar polo ferrocarril e reducir o uso do coche. O Estado non pode crecer de costas á xente do interior. Xa moita xente emigrou por ter que desfacerse das súas propiedades.

Vai a bo porto o proxecto de producir patacas para sementar na Limia? 

Está avanzando. Somos a única terra portuguesa con capacidade para producir pataca de semente, temos un protocolo firmado co Inorde para que A Limia absorba a producción. Axústase ós terreos e ten moita calidade. 

Te puede interesar