O ENTROIDO DAQUELAS

Detalles de distintos partícipes

Había persoas moi inxeniosas, con moita graza na vila de Xinzo de Limia. Era difícil tocar temas con críticas tanto a nivel local como xeral. Había que fiar moi fino, con gran sutileza, para non verte seriamente comprometido naquelas circunstancias políticas do momento.

No Entroido todo o mundo se divirte. O autor encarnando ó seu personaxe, e o público desfrutando ao velo. Hai xente que se disfraza sen graza alguha, que tamén ten dereito a facelo, e a graza ponlla o público coa súa interpretación. A continuación vou expoñer algúns casos que o reflicten perfectamente.

A Filloa

Lembro unha persoa que lle chamaban "O Badaxas". Era un home con moi pouca graza para o Entroido, pero gustáballe disfrazarse, e sempre o facía de maneira, cando menos, desagradable. Uns anos saiu cun ouriñal de porcelana todo esportelado, cheo de viño tinto no que mollaba pan e o comía, escorréndolle o viño polo papo abaixo ata a camisa branca que levaba. Gozaba con estas porcalladas e, como non tiña moita imaxinación, ás veces, repetíallas, ano tras ano. Era xa un clásico.

Lembro un ano que estabamos no mostrador do Café Antela, o Pepe Peaguda, o Alfonso Clemente, o Gonzalo Peláez e máis eu. Nisto que entra "O Badaxas" pola porta envolto dende os pés ata a cabeza nunha manta daquelas escuras que utilizaba o exército, á que lle fixo uns buratos para poder ver. Puxo aquelo, que foi o primeiro que atopou, sen ánimo de disfrazarse de nada concreto. Para el o caso era sair con algo á rúa.

Alguén dos presentes dí: "Xa esta aí O Badaxas coas súas trapalladas".

De pronto, o Gonzalo Peláez, que tiña moita graza, solta: "¿A que non sabedes de que vén disfrazado O Badaxas?"

Un de nós responde: "De que vai vir, nin el mesmo o sábeo". Ó que o Gonzalo contesta: "¡De filloa, ¡carallo!, vén disfrazado de filloa! ¿Non o ves?"

Botámonos unhas risas. Con aquela manta, que seguro trouxo da mili, enrolada ao seu corpo, mesmo parecía unha filloa de sangue, das que se facían antes.

El non tiña graza, nin sabía de que se disfrazara, a graza púxoa o Gonzalo co seu enxeño ao interpretalo.

A pezuña do porco

Un disfraz do Gonzalo Peláez, non lembro moi ben o ano, seguro que fai máis de cincuenta. Debía ser Luns de Entroido, que era o día máis divertido porque había so xente da vila. Ocorréuselle algo orixinal: sempre se disfrazaba coa cara descuberta. Fíxose cun pezuño de porco ben curado e duro como unha pedra. Arranxou unha chaqueta de mangas olongadas que lle permitía esconde-lo pezuño que levaba na man dereita, de xeito que non se vía ao encoller o brazo. Desa guisa presentouse na tasca que tiña máis preto, co pezuño agochado na manga para que ninguén se decatara. Todo serio, coma sempre, pediu a súa cunca de viño, situado na metade do mostrador esperando á primeira vítima. Como era unha persoa moi coñecida na vila, a xente que vivía fora soía saudalo cando viña para estas festas. De pronto, asómase pola porta un amigo de toda a vida e diríxese  cara el coa man estendida para saudalo: "¿Qué tal Gonzalo, como estas?" Ao que o Gonzalo responde, sacando o frío pezuño que o inocente amigo toma para exclamar ao instante: "!!Hostia……!!, que é iso", soltando o noxento pezuño, como si dun ferro quente se tratara. As persoas presentes quedaron tan abraiadas coma o amigo, pois ninguén sabía de que se trataba para, a continuación, acabar todos rindo comentando o enxeñoso detalle. Logo o Gonzalo, serio, coma sempre, meteu o pezuño de novo dentro da manga, pedíndolle ós presentes que non fixeran refencia ó asunto, esperando a segunda vítima. Todos expectantes para ver a reacción do próximo, pois era todo un poema ver a cara dunha persoa que vai cara un amigo para saudalo cun xesto de satisfacción que se trunca cando se atopa coa desagradable sorpresa. Volveuse repetir o mesmo. Esta vez con máis agrado polos presentes, pois esperaban a reacción. Isto era o grande do Entroido. Uns divertíanse disfrazándose, e os que non, facíano presenciando estas situacións.

Saíu daquela tasca e foi recorrendo algunhas máis para repetilo mesmo, arrastrando algunhas persoas que querían seguir participando do espectáculo.

Te puede interesar