OURENSE

Detidos dous mozos cando se descolgaban por unha fachada para intentar roubar nun domicilio

Os individuos detidos foron interceptados a escasos metros do lugar e interviñéronlles diverso diñeiro procedente do domicilio

Axentes da Policía Nacional detiveron dous mozos con antecedentes como presuntos autores dunha tentativa de roubo con forza nun domicilio de Ourense. Os varóns foron interceptados cando se descolgaban pola fachada do inmoble que ían asaltar.

Segundo informa a Policía Nacional, os feitos sucederon sobre as 17,40 horas do pasado domingo cando a Sala do 091 foi informada da posible presenza dunhas persoas nun inmoble da cidade, que poderían estar a tratar de roubar nalgún o seu piso.

A lugar desprazouse unha dotación policial, que accedeu ao inmoble, se ben atopou nun primeiro momento as portas dos pisos aparentemente pechadas.

Nese mesmo instante chegaron ao lugar outras dotacións policiais que sorprenderon aos presuntos autores do roubo cando se descolgaban pola fachada dende un segundo piso, axudándose das conducións exteriores de gas natural e o cableado eléctrico, tratando de fuxir do lugar.

Os individuos detidos foron interceptados a escasos metros do lugar e interviñéronlles diverso diñeiro procedente do domicilio. Posteriormente foron trasladados á Comisaría Provincial de Ourense para continuar coas dilixencias oportunas.

A Unidade de Delincuencia especializada e Violenta da Comisaría Provincial de Ourense iniciou as investigacións co fin de determinar a posible participación dos detidos noutros feitos similares.

OUTROS CATRO ROUBOS

O devandito grupo de investigación puido determinar que os detidos serían os presuntos autores doutros catro roubos en vivendas acontecidos nos últimos cinco días, co mesmo modus operandi, ao tratarse na súa maioría de pisos habitados por cidadáns de orixe chinesa.

Os detidos son dous homes, naturais ambos os dous de Colombia, de 24 e 27 anos de idade, aos que lles constan dúas detencións anteriores por diversos feitos. Está previsto que os arrestados pasen a disposición xudicial este martes.

Te puede interesar