Ourense

“Deux” logra a Calpurnia á Mellor Película no Festival de Cine de Ourense

Ourense

“Deux” logra a Calpurnia á Mellor Película no Festival de Cine de Ourense

O film eríxese como triunfadora do OUFF ao lograr tamén o premio á Mellor Interpretación para Bárbara Sukowa

A directora de cine Inés París, presidenta do xurado da Sección Oficial da 25 edición do Festival de Cine de Ourense, xunto co actor Carlos Blanco, membro do xurado, anunciaron esta mañá o Palmarés do 25 OUFF. Ambos quixeron destacar a difícil elección que tiveron que facer polo alto nivel das producións escollidas pola organización.

- Calpurnia á Mellor Película: “Deux” de Filippo Meneghetti. Por ser unha película orixinal e valente que, a través da magnífica interpretación das súas actrices cóntanos a historia de amor de dúas mulleres maiores que ao longo dos anos viviron con impotencia unha relación oculta.

- Premio Carlos Velo á Mellor Dirección: Jan Komasa por la película "Corpus Christi". Por transitar con gran intelixencia por temas tan espiñentos e actuais como a violencia, a mentira e a relixión; recreando con credibilidade a vida dun pobo, as emocións e conflitos dunha colectividade.

- Premio especial do Xurado: para Maite Alberdi por "El agente topo". Pola brillantez e orixinalidade coa que aborda un tema tan actual e sensible como é unha residencia de anciáns. O seu magnífico retrato do desamparo, a vulnerabilidade e a capacidade de esperanza dos seres humanos, sacando o máximo partido a un elenco non profesional.

- Premio ao Mellor Guión: William Nicholson por "Regreso a Hope Gap". Polo extraordinario texto de gran complexidade que utiliza varias capas narrativas para debuxar a desoladora ruptura dunha parella logrando unhas imaxes e emocións que quedan indelebles na memoria dos espectadores.

- Premio á Mellor Interpretación: Barbara Sukowa por "Deux". Pola súa encarnación do personaxe de Nina na película “Deux” cun traballo cheo de verdade e de matices e cunha enorme potencia que, en espléndido diálogo coas outras actrices.

- Mención especial: "Cartas Mojadas", de Paula Palacios. Por ser unha película que fai visible o que sucede no mar Mediterráneo e interpélanos para que recuperemos a nosa humanidade e capacidade para a xustiza fronte a un problema tan grave como o abandono e a morte no mar dos migrantes que tentan unha vida mellor.

- Premio CIMA á mellor cineasta da Sección Oficial: á tarefa de dirección e guión de Paula Palacios en “Cartas Mojadas” polo seu compromiso persoal, valentía, profesionalidade e perseveranza ao longo dos anos para mostrar a realidade da migración no Mediterráneo e así contribuír a que se cre un movemento social que interpele aos responsables desta catástrofe humanitaria que se pode resolver con vontade política.