Diarios do pasado

Un devoto liberto nas Burgas

Escavación nas Burgas e a ara de Quintio.
photo_camera Escavación nas Burgas e a ara de Quintio.

A sociedade romana, como a maioría no mundo antigo, era escravista. Baseábase nas clases sociais, que establecía deferencias entre cidadáns e non cidadáns, entre patricios e plebeos e, como non, entre libres e escravos. Estes últimos formaban o nivel máis baixo da sociedade e a súa orixe era variada. Procedían de pobos derrotados tras campañas militares, ou de fillos de escravos de Roma. Había incluso cidadáns que por diversos motivos, vendían a súa liberdade. Outra forma de caer na escravitude eran os nenos abandonados polos pais, ou que non chegaron a ser recoñecidos polo proxenitor. Os amos podían dedicalos a funcións diversas, como a minería, o traballo agrícola ou o servizo doméstico. Os que tiñan unha boa formación chegaban a desenvolver tarefas de responsabilidade na administración, na medicina ou exercendo como titores e educadores nas familias patricias. Para os escravos existía a posibilidade de acceder á condición de persoas libres, incluso de cidadáns. Poderían conseguir a liberdade de varias formas, case sempre por vontade do propietario a través dun proceso legal chamado manumisión. Mesmo mercándoa. Cando algo diso era posible, convertíanse en libertos.

Sempre que falamos da Antiga Roma, incluímos todos os territorios que formaban parte do basto imperio. Iso inclúe, como non, a antiga Gallaecia e á cidade que hoxe é Ourense. Aquí apareceron varios altares, aras, da época romana dedicadas a antigas divindades: Xúpiter, Tellus, as Ninfas ou Revve Anabaraego, este último cun centro de culto nas Burgas cuxos restos poden visitar no xardín traseiro da Burga de Arriba. Entre as aras que se descubriron nas escavacións arqueolóxicas, unha destaca pola súa coidadosa elaboración, igual que o tipo de letra que se empregou. Formaba parte da ofrenda que fixera un tal Quintio, seguramente na segunda metade do século I d.C. Pero a rogativa dun favor a un deus, neste caso ao benfeitor das Burgas, non era gratuíta. Esa petición chamábase votum, “voto ou expresión dun desexo”. Os deuses no mundo antigo, entre eles os dos romanos ou os que incluían nos seus cultos, non outorgaban dádivas de balde. Se a deidade concedía o favor que se lle solicitara, debía recibir algo a cambio, un exvoto, que etimoloxicamente ven a significar algo así como “consecuencia dun voto”. O devoto estaba obrigado a cumprilo, ofrecendo algo a cambio pola petición, que cando era privada, como parece ser o caso, podería ser a cura dunha enfermidade, afastar algún mal ou conseguir un favor difícil. No caso de Quintio, fose cal fose a petición a Revve Anabaraego, conseguiuno. A proba está na ara que lle dedicou ao deus e a abreviatura que remata a inscrición lapidaria: V.S.L.M., é dicir, Votum Solvit Libens Merito ou “cumpriu a promesa gustosamente”.

A inscrición non deixa lugar a dúbidas. Era un antigo escravo pertencente á familia dos Domicios e que acadou o estatus xurídico de liberto. Desafortunadamente, polo momento non sabemos moito de Quintio. Como indica a profesora da Universidade do País Vasco Mª Cruz González, o nome, Quintio ou Quinctio, aparece en varias ocasións asociado a varóns libertos. Incluso, e non poucas veces, persoas chamadas Quintio desempeñaron a función de aedituus, é dicir, encargados da custodia diaria de edificios sagrados, e que soian ser escravos públicos ou libertos, como o noso Quintio das Burgas.

Te puede interesar