O día que a veciñanza ourensá viu aterrar á primeira muller piloto española no Vinteún

Os aviadores non puideron sobrevoar o pazo familiar dos Caula en Veiga.
photo_camera Os aviadores non puideron sobrevoar o pazo familiar dos Caula en Veiga.

Malia que unha crónica non dea para contar as súas traxectorias, e que daquela fosen habituais os luctuosos accidentes aéreos, o certo é que o prematuro falecemento de Rodríguez Caula causou unha fonda impresión, ó nivel do que dous anos antes causara Joaquín Lóriga e en 1938 causaría Ramón Franco.

As crónicas do momento dan fe disto, e non só a nivel local ou provincial, senón ata o punto de que mesmo Alfonso XIII tomou interese persoal polo suceso.

E tan foi así que o 14 de setembro dese mesmo ano 1929, a cidade de Ourense tivo a oportunidade de ver aterrar un aeroplano pilotado polo instructor e compañeiro de promoción de Rodríguez Caula, o comandante Díaz de Lecea e pola asturiana, María Bernaldo de Quirós, a primeira muller que logrou o título de piloto en España.

Procedentes de Vigo, no marco dun "raid" realizado por Galicia, o insólito "paxaro" de ferro tomou terra, no medio dunha multitude, a media mañá nun campo próximo ó campo da feira do Vinteún.

"Infinidad de personas salieron a las calles -relata La Región o 15 de setembro- o se asomaron a los balcones, dando muestras de una gran satisfacción. (...) La avioneta apareció sobre la ciudad majestuosamente, evolucionando sobre la misma y haciendo varias filigranas que el público comentaba con elogio. Luego de dar varias vueltas a muy poca altura, se dirigió hacia Canedo, con objeto de aterrizar en el campo designado al efecto".

Tódalas autoridades políticas e militares déronlles a benvida e acompañáronos ó Hotel Roma, onde se hospedaron os ilustres visitantes, non sen antes teren sido agasallados cun banquete que rematou á unha da madrugada.

Ó día seguinte, os pilotos tiñan previsto sobrevoaren a casa solar dos Rodríguez Caula en Sampaio de Veiga, pero unha inoportuna treboada impedíullelo, polo que decidiron viaxar en coche a Celanova e saudaren á nai do seu compañeiro falecido, Aurea Meleiro.

Co tempo, Díaz de Lecea chegou a ser ministro do Aire, mentres Bernaldo de Quirós -a quen alcumaron "Miss golondrina"- acabou caendo no anonimato ata a fin dos seus días. Tiña 91 anos.

Te puede interesar