PREMIOS ALECRÍN

A diáspora premia o traballo a prol da Galicia do exterior

BALBOA
photo_camera Domingo Balboa, na estrega dos Alecrín en Celanova, en 2014. (XESÚS FARIÑAS)

A Federación de Entidades Galegas en Cataluña entrega este ano os galardóns Alecrín en Ourense

Galicia é un deses países que se constrúe tamén desde fóra. Os premios Alecrín, que entrega a Federación de Entidades Galegas en Cataluña (Fegalcat), recoñecen precisamente a aqueles que “traballaron arreo e abriron unha porta dende a que espallar a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición”, precisa Domingo Balboa, o presidente dunha entidade que representa a máis de 10.000 galegos instalados máis preto do Mediterráneo que do Atlántico.

A diáspora catalana leva anos convertindo os Alecrín nunha louvanza ao mérito. A gala que se celebrará mañá xoves, día 11, no Liceo de Ourense premiará á Real Banda de Ourense no eido da música e a Charo Álvarez, Antón Lamazares e ao propio Liceo, no da cultura. Pero non só, a Federación tamén quere ampliar o abano ao resto da sociedade civil e institucional. Por iso gaba a labor empresarial da Conserveira Bateamar e a “cercanía” do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, cos emigrantes de Cataluña. La Región Internacional, o periódico pioneiro en España destinado aos emigrantes, obterá unha distinción polo medio século de traballo a prol da comunidade galega no exterior, e o clube de baloncesto Obradoiro de Santiago, por representar a Galicia na elite do baloncesto español. 

O evento será presentado por Xosé Manuel Piñeiro e Manuel Valdés, o conductor dun programa mítico na radio de Barcelona, "Lonxe da Terra", íntegro en galego. María do Ceo e Marcos Foxo porán a música ó evento. 

“Facer país"
O Alecríns son tamén un instrumento para “visibilizar” o que se pode facer alén do Padornelo. “Estamos traballando por nós, porque penso que é un xeito de facer país. Facemos moito con poucos medios, sacrificándonos entre todas as entidades por dar a coñecer a nosa terra”, asegura Balboa, que ve que as casas da emigración en Cataluña, unha auténtica malla de asociacións, “podían estar mellor”. Os apoios de antes non son os de agora. Especialmente ven unha disminución da contribución que fan as institucións catalanas. Balboa cifra nun “dous ou tres por cento” as achegas para engrasar o motor das entidades, organizar actos, cursos de formación e xuntanzas comunitarias. De aí que os Alecrín procuren ser unha homenaxe ao traballo propio en terra allea. As novas xeracións viven “doutro xeito completamente distinto” a experiencia de estar fóra. Non son alleos as súas orixes, pero no mundo das comunicacións as distancias xa son moi  relativas. O mundo cambia, pero máis de catrocentas familias en Cataluña tentan todos os anos que, aínda que a casa sexa outra, sempre haxa un fogar preto ao que recorrer. Un Alecrín tamén para eles.

Te puede interesar