reconocimiento

O filólogo Eligio Rivas recibirá a Medalla de Ouro provincial

Manuel Baltar destaca a súa dilatada traxectoria na toponimia, etimoloxía e tradicións galegas

O creador do Dicionario Etimolóxico da Lingua Galega, Eligio Rivas, recibirá a Medalla de Ouro  que concede a Deputación de Ourense. O presidente da Deputación, Manuel Baltar,  afirmou que o goberno provincial quere recoñecer e poñer en valor así "as súas importantes achegas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galega, un tesouro cultural que Eligio Rivas soubo investigar, preservar e impulsar como poucos".  

 O filólogo e etnógrafo ourensán Eligio Rivas reuniuse onte con Baltar no Pazo Provincial, acompañado polos directivos da Asociación Cultural "Amigos da Vía da Prata" José Antonio Quintas e José Luis Rodríguez Cid. 

Baltar destacou que con este recoñecemento “rendemos homenaxe e poñemos en valor, aínda máis, as importantes achegas de Eligio Rivas", do que sinalou o "respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións" ao longo da súa "dilatada" carreira profesional. 

Baltar definiu unha das obras findamentais de Rivas, o Dicionario Etimolóxico da Lingua Galega, como "un dos mellores estudos sobre o léxico rural da nosa terra". A iso, engadiu a importancia dunha "prolífica obra que abrangue máis de medio século, con libros, estudos e proxectos de lexicografía, filoloxía, toponimia, historia e arte".  

 O recoñecemento da Deputación  entregándolle a máxima distinción provincial servirá "como homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, e de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo e como país", segundo dixo Baltar, quen afirmou que o galardón é tamén "o recoñecemento á nosa cultura". 

Rivas sumarase agora a outros premiados como Manuel de Dios, Recaredo Paz, Xaime Quessada, Marcos Valcárcel, Los Suaves e, a título póstumo, Carlos Casares. 


Unha carreira repleta de obras e proxectos 


Eligio Rivas Quintas (Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, 1925), relixioso paúl, filólogo e etnógrafo, recibiu o Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra "A Limia", e foi tamén distinguido co Premio Taboada Chivite (1980) e coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000).  Rivas é licenciado e doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela.  É membro da Comisión de Toponimia da Xunta desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da USC, así como correspondente da Real Academia da Historia. 

Entre as súas obras e proxectos destacan a restauración da ermida de San Mamede; a creación da Aula da Natureza en O Caudillo; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago, e a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico en Montemedo, Os Milagros.

Te puede interesar