en ourense

Medalla de Ouro para Carlos Casares, “creador de linguaxe"

Os fillos e o irmán do escritor recolleron o galardón a título póstumo nun acto na Deputación

O escritor ourensán Carlos Casares recibiu onte, a título póstumo e coincidindo co seu 16º cabodano, a Medalla de Ouro da provincia de Ourense, nun acto celebrado no Salón de Plenos da Deputación, no que Manuel Baltar fixo a entrega deste galardón a Hakan Casares, Christian Casares e Javier Casares, fillos e irmán do intelectual. 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, definiu a Casares coma "creador de linguaxe, comprometido co seu país, un ombudsman". Destacou os valores defendidos polo intelectual, "os cales cómpre recuperar mediante un diálogo fluído, ensinando a escoitar e a razoar, evitando coa forza da palabra conflitos irreparables".

Luis González Tosar fixo a laudatio do homenaxeado, destacándoo como "un presente que está acuñado na nosa literatura do que é é imprescindible facer unha análise en profundidade".

A continuación, o deputado de Cultura, Manuel Doval, leu o expediente de honra da concesión do galardón, que foi aprobado no pleno do pasado 24 de novembro. "É unha homenaxe do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá", sinalou. 

Hakan Casares, fillo do escritor galardonado, quixo agradecer especialmente "á cidadanía de Ourense" que a memoria do seu pai continúe sendo visible. Destacou tamén a importancia da tradición cultural da nosa provincia, "porque a cultura galega e  Galicia non se entenden sen Ourense", subliñou.

Centro Galego de Bos Aires

Baltar aproveitou o acto para anunciar que o seu grupo presentará no próximo pleno a adhesión ao manifesto "Pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires", co obxectivo de "continuar fortalecendo o compromiso desta institución coa nosa identidade e coa nosa condición de pobo emigrante". 

Te puede interesar