OUFF - ENTREVISTA

Do ben en "Mareas Vivas" ao mal en "Celda 211": Luis Tosar

Luis Tosar
photo_camera Luis Tosar.

O actor recibiu o "Premio Ourense" no OUFF: "Supoño que rodarei en Galicia pronto, espero"

Sempre lle ven cara de cabrón. Xa o di el. Un dos actores galegos con máis proxección fóra das fronteiras, Luis Tosar (Cospeito, 1971), cumpre 20 anos no audiovisual. "Hai algo físico ao que é moi difícil que renuncie, nacín así. Quizais por iso os meus personaxes tenden a ser rudos ou incluso conflictuados", admite. A edición 23 do OUFF entregoulle onte o "Premio Ourense" á súa traxectoria, esa cuxo punto de inflexión foi "Malamadre", o líder da revolta carcelaria de "Celda 2011", dirixida por Daniel Monzón e que lle valeu ao lucense un Goya como mellor actor protagonista. De malo fixo máis veces. E gañou dous Goya máis. 

Porén, cando chega a Galicia prodúcese un fenómeno que os de fóra nin aprecian. Os malos non son tan malos. 

Non ten medo a que o etiqueten nun determinado personaxe?

O que pasa é que como xa levo anos traballando sempre hai ese medo a estancarse nun tipo de personaxe, pero en vinte anos tiven a sorte de ir alternarndo algúns personaxes máis malos e outros incluso bastantes bos. "Malamadre" perdura moito máis na xente porque calou moi fondo, pero tamén o xuíz Andrés de "Mareas Vivas". Cando estou en Galicia aínda hai moita xente que o referente que teñen máis claro en canto a min é o xuíz. Hai personaxes aos que inevitablemente lle tes un especial cariño, aínda que pasen vinte anos de "Mareas Vivas", para os galegos son 'o xuíz'. E mira, un tipo moi bo e educado.

Un tipo moi pouco "Malamadre".

Un xenro perfecto!

"Ventajas de viajar en tren", a primeira longametraxe de Aritz Moreno, é o próximo proxecto de Tosar. Un cambio de rumbo baixo as ordes dun director co que xa traballara en curtametraxes. Unha comedia. Nunca antes lle ofreceran un papel así. "Teño un personaxe moi divertido, interpreto case como a representación na imaxinación dunha lectora. É unha especie de personaxe inexistente que se fai real na medida en que ela vai imaxinando o que lle van contando. Ás veces aparenta normalidade e ás veces é excéntrico, conspiranoico. De momento os ensaios están sendo moi interesantes. É un personaxe moi tolo", avanza.

Que lle gustaría facer no cine?

É que non o vexo moi claro, nunca funcionei moito nese sentido, sempre me deixei un pouco sorprender polos guións. Si, haberá personaxes que aparezan aí, pero bueno...

Esas oportunidades. Ten aceptado ou rexeitado máis?

Estatisticamente rexeitado, pero seguramente tamén tomei a decisión no momento por algo en concreto. 

Para cando un proxecto en Galicia?

Espero que pronto. O último que rodei foi  "Quien a hierro mata", de Paco Plaza.  De momento, non hai nada. Pero supoño que non tardará moito. Algo faremos en breves, espero. 

E como ve o cinema galego?

Igual ca fóra, cos mesmos problemas e inquedanzas. A nosa industria é mais pequena pero esa regra pódela aplicar coas industrias máis grandes do mundo. Creo que dende hai bastantes anos somos competitivos en Galicia.

Do OUFF, Tosar queda co recordo de "18 comidas", o filme de Jorge Coira que se estreou na edición de 2010 do festival. Agora queda tamén co "Premio Ourense". 

Te puede interesar