A historia de Irina Fernández é a dunha nena que fai galletas, que as vende e que merca libros coa recadación. Non son para ela, nin moito menos, senón que llos regala a outros coma ela pero ós que a vida non lles sorrí tanto.

As doces letras da solidariedade

Irina entrega un libro. Á dereita, a súa nai, Virginia Pérez.
O Nadal é a época das compras.
Mentres a meirande parte da sociedade ourensá apura regalos de última hora, pasa a tarxeta unha vez pola nai e outra pola parella e percorre tódalas tendas da cidade, unha nena comparte o seu gusto pola lectura cos que máis o precisan. Irina Fernández, na intimidade da súa cociña, elabora galletas. Este ano foron unha decena os recipientes que a pequena conseguiu encher. Durante o mes de decembro, dedicouse a vendelas por toda a cidade acadando unha suma de diñeiro suficiente como para mercar 40 libros. Escolleu títulos de aventuras, manualidades, animais... Unha ampla variedade dos xéneros que compoñen a literatura infantil.

Unha vez en posesión dos libros, Irina Fernández e a súa nai, Virginia Pérez, púxeronse en contacto coas diferentes parroquias da cidade para que os seus responsables convocasen ós nenos con menos recursos. A cita tería lugar onte, ó mediodía, nunha librería da cidade. Alí, Irina, vestida de 'raíña maga', foilles entregando, un por un, ós pequenos o título que máis lles gustase dos dispoñibles. Algúns nenos non puideron asistir, pero non por iso quedarán sen libro. A pequena faralles chegar o seu exemplar ás parroquias correspondentes.

Non é a primeira vez que Irina Fernández o fai. O ano pasado foi quen de mercar algo máis de 30 libros. O éxito e, sobre todo, a satisfacción persoal foi tal, que non dubidou á hora de repetir a experiencia. 'Agora coa crise, hai máis nenos que o precisan', contaba onte a nai, Virginia Pérez. Lembraba, ademais, que a súa filla lle dixo: 'Mamá, este ano temos que volver facer as galletas para que non queden os nenos sen presentes'.


AS GALLETAS SOLIDARIAS

Irina asegura ter feito os doces ela soa e, polas súas palabras, non supuxeron ningunha dificultade para ela. 'Xuntei tódolos ingredientes, remexinos, fixen as formas, metinos ó forno e xa está'. Así, simplemente, galletas simulando figuras do Nadal que a cada bocado axudan a ganar cartos en solidariedade. O obxectivo é que as festas sexan algo máis levadeiras no seo das familias que menos teñen.

Os nenos que onte asistiron á entrega dos libros amosábanse moi contentos co seu regalo. Todos asentían de xeito unánime ó preguntarlles por el. 'Ós nenos gústalles recibir algún regaliño novo en Reis', dicía Virginia Pérez. Ben é certo que a solidariedade adoita agudizarse nestas épocas e son moitas as familias que tratan de darlles unha segunda vida ós xoguetes dos seus fillos entregándollos a entidades benéficas, pero, como di a proxenitora de Irina, os presentes a estrear sempre 'gustan máis'.

E para os que traten de desconfiar da iniciativa, Virginia Pérez quere deixar claro que non ten nada que ver co mundo das librerías, senón que cada ano 'escollemos unha diferente'. A idea é completamente 'particular'.

Te puede interesar